A comunidade educativa do Ceip Vista Alegre levou á rede a súa loita por acadar unha reforma integral do centro ou un colexio novo, dados os problemas que causa a antigüidade dos edificios actuais.
Pais de alumnos do centro iniciaron en Change.org unha recollida de sinaturas dirixida á Consellería de Educación, instar á Xunta de Galicia a que acometa as obras demandadas.
MÁIS DE 50 ANOS
A antigüidade do Virxe do Carme, inaugurado no 1963, provoca desde hai anos dificultades no día a día do centro, tanto para os nenos coma para os docentes.
Edificios cheos de humidades, mobles que están desfeitos pola couza, fiestras que deixan pasar o aire ou a ausencia dunha pasarela para ir dun a outro dos tres edificios que compoñen o colexio son algúns dos problemas.
MÁIS DE 1.200 FIRMAS NUNHAS HORAS
Por iso, na petición de Change.org piden á comunidade de internet que non os deixe “sós” e que apoie a súa reivindicación. Nunhas poucas horas, máis de 1.200 persoas respaldaron a petición.