InicioEconomíaCondenada unha auxiliar de Alcoa por vulnerar os dereitos do voceiro da...

Condenada unha auxiliar de Alcoa por vulnerar os dereitos do voceiro da plataforma sindical das contratas

Kike Rocha fora apartado por Cotelsa das súas tarefas no departamento de electrodos nunha decisión que, segundo a sentenza, está relacionada co seu papel nas negociacións do ERE

Publicada o

- Advertisement -

O Xulgado do Social de Lugo vén de condenar a Cotelsa, auxiliar de Alcoa, por vulneración dos dereitos fundamentais do sindicalista Kike Rocha, delegado da CIG e voceiro da plataforma que agrupa ao persoal das contratas. Segundo concreta o sindicato nacionalista, a sentenza recoñece que a decisión de trasladalo de departamento dentro da fábrica de aluminio responde a unha represalia contra o traballador polo seu labor sindical e pola súa significación no proceso de negociación do Expediente de regulación de emprego (ERE) na planta de aluminio de San Cibrao.

O xulgado condena a Cotelsa a recolocar a Rocha no seu posto de traballo (departamento de electrodos) nas mesmas condicións que tiña e a abonarlle unha indemnización polos danos morais. A CIG acolle con satisfacción a resolución xudicial que “confirma toda a razón que os traballadores e traballadoras da fábrica de aluminio teñen na súa loita na defensa de futuro industrial para Mariña e polos mantemento dos empregos”.

A CIG: “É EVIDENTE QUE SE PRETENDEU CASTIGAR Á REPRESENTACIÓN DOS TRABALLADORES”

Na sentenza, ademais, recálcase que este comportamento, de carácter grave, non só afecta á liberdade sindical de Rocha, senón que “ten unha dimensión colectiva que vai máis aló da afectación ao delegado en concreto”. Así, no texto faise fincapé en que esta vulneración de dereitos “se produce nun momento especialmente sensible como é o da existencia do ERE de Aluminio Español, SA (aínda non resolto) con repercusión no emprego da multinacional, das auxiliares e de toda A Mariña”.

“Tanto é así que a persecución a Rocha non se pode entender á marxe do conflito que se vive na Mariña contra os plans de peche e a parada das cubas, nin á marxe das propias actuacións de Alcoa. Pois resulta evidente que a decisión de trasladar ao compañeiro constituía un castigo á representación dos traballadores das auxiliares, a quen a multinacional se negou en todo momento a darlle interlocución na negociación do ERE”, expón a CIG.

FOI REUBICADO NUN POSTO SEN CONTACTO COS OBREIROS DO COMPLEXO INDUSTRIAL

Neste senso, e segundo resalta o sindicato, a propia sentenza salienta que “o demandante se significou de xeito moi destacado nas actividades da plataforma (en referencia ao colectivo de persoal das auxiliares) e participou de forma activa, notoria e pública no proceso negociador” do ERE; ademais de valorar que no departamento de electrodos (onde estaba destinado) os traballadores de Cotelsa “prestan servizos xunto ao persoal propio de Alcoa, o que non sucede no departamento de obras onde a onde o trasladaron“.

“Xunto a isto, na resolución tamén se ten en conta que Cotelsa xa tiña unha resolución xudicial previa por vulneración da liberdade sindical”, conclúe a CIG.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...