O CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela embarcouse no proxecto Erasmus+ titulado ‘Friends for our planet!‘ da man de outros centros de europeos: GBS Bosmier (Balen, Bélxica), Muuruvesi School (Muuruvesi, Finlandia), 11th Primary School of Chios (Chios, Grecia), Papa Luciani (Pieve di Soligo, Italia) e Clubul Copiilor Martha Bibesçu (Comarnic, Romanía).
Segundo concretan desde o centro burelao, “este proxecto nace co obxectivo de concienciarnos dos problemas que ocasiona o cambio climático, unha das grandes amenazas ás que se enfronta o noso planeta. Por iso, organizamos o proxecto en seis grandes retos, correspondentes a distintas áreas de traballo: enerxía, contaminación, lixo, protección da natureza, biodiversidade e auga“, explican. Os desafíos serán introducidos pola mascota do proxecto, un osiño chamado Jan.
Cada reto pretende sensibilizar ao alumnado para que contribúa a buscar solucións aos problemas relacionados con cada tema: reducir a contaminación, aforrar auga e enerxía, conservar a natureza ou protexer a biodiversidade. Terá 3 fases: sensibilización (detacarnos do problema, detectalo), proposta de solucións (investigar ou pensar que podemos facer para mellorar eses problemas) e creación de produtos finais (crear unha actividade física ou virtual para presentar as nosas propostas).
A primeira actividade foi deseño dun logo relacionado con cada área de traballo. Os estudantes fixeron unha composición co faro de Burela, o Torques de Burela e animais mariños que requiren protección.
INTERCAMBIO CON ALUMNADO BELGA
No tocante á enerxía, colocáronse debuxos sobre os interruptores do centro ou das casas do alumnado para lembrar o apagado das luces, elaborouse unha exposición e trabállase na creación dunha guía-póster de consellos para o aforro enerxético.
“O proxecto aínda acaba de comezar e queda moito traballo por diante, traballo e outras actividades que desexamos poder levar a cabo se a pandemia o permite, como os intercambios de alumnado co centro belga“, expón a directiva do colexio burelao, que agradece “a colaboración das monitoras de Gaia que viñeron ao centro para levar a cabo varios obradoiros relacionados coa enerxía e a o compromiso das familias que tamén participan en todas as actividades e concursos que propoñemos”.