IniciosociedadeA EDAR de Foz, pendente dun informe de Patrimonio para completar a...

A EDAR de Foz, pendente dun informe de Patrimonio para completar a Declaración de Impacto Ambiental

Augas de Galicia e Concello mantiveron o pasado xoves un encontro para abordar o atraso na consecución da infraestrutura

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta de Galicia e o Concello de Foz mantiveron o pasado xoves unha reunión sobre a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR).

No encontro participaron a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, o alcalde, Francisco Cajoto, o tenente de alcalde, Francisco Xavier Fanego, e a técnico de medio ambiente do goberno local.

Os representantes da Administración autonómica expuxeron “preocupación” pola dificultade para cumprir os requisitos que a Lei de Costas establece para a regularización das depuradoras en Dominio Público Marítimo Terrestre no municipio. Esta cuestión será abordada mañá nunha xuntanza entre a Xunta e o secretario de Estado de Medio Ambiente, segundo concretou o Executivo galego.

Gutiérrez asegurou que esta preocupación é “compartida” por Concellos “que contan con depuradoras executadas hai anos e que non foron regularizadas no seu momento”.

A dirixente de Augas de Galicia asegurou que o ente hidráulico da Xunta “vén reiterando á Dirección Xeral da Costa e o Mar estes problemas, que debe solucionar ao ser unha competencia estatal”.

O SEGUINTE PASO, O PROXECTO CONSTRUTIVO

No que se refire á depuradora de Foz, Gutiérrez expuxo a Xunta xa ten rematada a redacción do proxecto, que se atopa en fase de tramitación ambiental, a fin de obter a declaración de impacto, “tan só pendente dun informe que Patrimonio Cultural prevé remitir en breve”.

Detallou que “unha vez se dispoña do citado informe, Augas de Galicia avanzará nos seguintes trámites. Así Xunta solicitaralle ao organismo estatal que reanude a tramitación da ocupación en dominio público“, indica o Goberno autonómico.

De modo paralelo, sinalou que a Xunta comezará os trámites para a licitación da redacción do proxecto construtivo e a execución das obras.

Con todo, Gutiérrez argumentou que “o Concello de Foz tamén debe avanzar nos trámites da súa responsabilidade, é dicir, aprobar o proxecto en pleno, pór os terreos á disposición e asumir o compromiso de recepción e explotación das actuacións”.

A RÍA, REDE NATURA 2000 E ZONA ZEPA

Cajoto lembrou que “agora mesmo, sobre todo nos picos de poboación cando máis xente acude á nosa vila, hai vertidos de augas sen depurar á ría, que está dentro da Rede Natura 2000 e é zona ZEPA de especial protección para as aves. Un entorno natural que hai que coidar, o que non se está facendo a día de hoxe. Trasladounos que aínda non responderon ao requirimento de Costas, pero Augas de Galicia está traballando. Está a piques de chegar un informe de Patrimonio Cultural, con el remitirase toda a documentación pertinente ao organismo ambiental para a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que é un paso fundamental porque indica que ese proxecto é viable desde o punto de vista do medio ambiente”, indicou.

O alcalde engadiu que “unha vez que a DIA estea emitida procederase á licitación do proxecto e da obra. E o Concello quere ser partícipe dese proxecto construtivo para garantir que o conxunto da obra sexa o mellor para todas as veciñas e veciños de Foz”, remarcou.

DEPURADORAS DE FAZOURO, CANGAS E NOIS

Na reunión coa directora de Augas de Galicia tamén trataron o estado das concesións das depuradoras de Fazouro, de Cangas e de Nois, que “por problemas de tramitación con Costas non están a día de hoxe legalizadas. Esperamos que se resolva e que contemos co apoio de Augas de Galicia, técnico e económico, porque son os que teñen experiencia, son os que fixeron esas obras e son os garantes de que se cumpran todas as prescricións medioambientais”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...