Os deputados do grupo parlamentario popular, Elena Candia, José Manuel Balseiro e Daniel Vega, promoverán un acordo no Parlamento galego para instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que “solucione con urxencia” os problemas da N-634 entre Mondoñedo e Abadín.
Os deputados sinalan que “a incapacidade do Goberno central por ofrecer solucións aos reiterados peches da autovía do Cantábrico, como consecuencia dos intensos bancos de néboa, obrigan a empregar como itinerario alternativo esta estrada de titularidade estatal que, na actualidade, presenta múltiples deficiencias”.
“Os accesos á N-634 desde a autovía seguen sen iluminación e o firme está moi deteriorado, polo que resulta urxente acometer obras de mellora así como garantir un mantemento periódico e axeitado ao elevando número de vehículos (moitos deles de gran tonelaxe) que transitan pola mesma cada vez que se produce un peche da autovía”, afirman.
Segundo o PP resulta urxente que o Executivo central adopte as medidas precisas para “garantir a seguridade aos usuarios”, xa que a falta de iluminación e o mal o estado que hoxe presenta constitúen “un risco elevado“, e “moito máis nos próximos meses nos que coa chegada do verán, se produce un incremento moi significativo do tránsito por estas vías”.
“Recentemente municipios como o de Mondoñedo sumábase a esta reivindicación que acolle o sentir maioritario da veciñanza da zona, de moitos transportistas que fan uso habitual desta estrada e dos usuarios da autovía do Cantábrico que anos despois da súa construción aínda non dispón dun sistema efectivo para evitar os peches de circulación que intensifican nos vindeiros meses”, finaliza o grupo conservador.