O comité de Alcoa San Cibrao asegurou este martes que a produción na fábrica de aluminio vai “vento en popa” e expuxo que a propietaria “gañou diñeiro no mes de febreiro“. Así o afirmou o presidente do organismo de representación dos traballadores, José Antonio Zan, que engadiu que o persoal agarda que no balance de final do mes de marzo o saldo sexa tamén de beneficios.
Respecto das negociacións sobre unha venda da factoría de aluminio, indicou que os obreiros “non sabemos realmente” como están as conversas para un traspaso entre a titular das instalacións e a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).
A última mesa multilateral polo futuro da planta de San Cibrao foi o pasado 22 de febreiro, e a empresa comprometeuse cos traballadores -no acordo polo que o persoal suspendeu a folga indefinida que mantiña desde outubro no complexo industrial- a realizar unha convocatoria mensual, polo que a propietaria das instalacións debera como moi tarde chamar ás partes -comité, sindicatos, Goberno central e Xunta de Galicia– o vindeiro luns.
Na xuntanza, Alcoa e Goberno central fixáronse o 30 de abril para consumar a operación. Por agora non trascendeu se a SEPI aceptou a term sheet (folla de condicións de venda) proposta pola multinacional.
A separación de plantas e o tempo de subministro de alúmina serán as dúas principais cuestións a solventar sobre as negociacións. Alcoa rexeitou vender a refinería de alúmina de San Cibrao -participada ao 40% polo grupo australiano Westminster Acquisition-, de xeito que un acordo sobre o fornezo de materia prima será fundamental para pechar a venda. Á espera dos acontecementos está a siderúrxica británica Liberty House, a quen a SEPI vendería a fábrica unha vez comprada.