A compañía asturiana Astilleros Gondán construirá dous novos barcos CSOVs (Commissioning Service Operation Vessels) para a compañía Edda Wind, empresa coparticipada polos grupos noruegos Ostensjo e Wilhelmsen, dedicada ao sector da eólica mariña.
Estes buques, deseñados pola firma noruega Salt Ship Design, formarán parte da nova frota de Edda Wind, que pasará a contar con oito buques de última xeración, máis ecolóxicos e eficientes, para prover servizos en parques eólicos mariños.
Segundo informou Gondán a través dunha nota de prensa, estes dous novos CSOVs converteranse no quinto e sexto proxecto do asteleiro para a industria das renovables mariñas desde 2015.
Con estes barcos, Gondán pasará a sumar 17 buques encargados polo grupo noruego Ostensjo durante case 20 anos de relación.
A compañía asturiana, con “cinco barcos en carteira”, anunciou que abordará “nun futuro próximo” o investimento en varias das súas instalacións de Castropol, o que “redundará nunha mellora da produtividade e aumento da xeración de emprego e revitalización da actividade económica da comarca”.