Unha muller que foi gravada ouriñando no 2019 na festa da Maruxaina, en San Cibrao, nun dos arredor de 80 vídeos que foron posteriormente pendurados en páxinas web pornográficas, compartiu o seu testemuño a través das redes sociais este venres, un día despois de que o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro desestimase a denuncia posta pola Asociación Mujeres en Igualdad de Burela (Bumei), ao entender que “non está suficientemente acreditado” que existise un delito na gravación e difusión dese material audiovisual.
Coa intención de que se lle dea “a importancia suficiente a este caso” e resaltando que “somos máis de 80 rapazas afectadas, entre elas menores“, unha das vítimas pendurou un vídeo na rede social Instagram no que pide “apoio” para “seguir loitando. Imos facer o posible para que se nos escoite”, explica.
Esta muller lamenta que a persoa “que subiu os vídeos séguese lucrando, porque non se retiraron, seguen aí, calquera pode seguir véndonos. Foi algo premeditado, colocáronse as cámaras en sitios estratéxicos para que se nos vira”, salienta. Admite que as persoas afectadas ouriñaron nun lugar público, como resalta o xuíz no seu auto de sobresemento da causa, pero lembra que “moitos homes o fixeron” sen que se lles expuxese publicamente nas redes sociais.
O xuíz considerou, citando o artigo 197 do Código Penal, que “quedaría fóra da protección penal a captación de imaxes en lugares públicos“, e afirmou que as mulleres estaban a ouriñar “nun lugar público no que podían ser vistas por calquera persoa que por alí transitase”, motivo que esgrimiu para concluír que “(as gravacións) non supoñen un ataque nin vulneración da intimidade”. Desde Bumei avanzaron que recorrerán o fallo, que entenden que crea “un grave precedente”, pois dase pé “a que se xustifiquen este tipo de accións”.