IniciosociedadeLlano cre que o Sergas debera asumir a unidade de atención a...

Llano cre que o Sergas debera asumir a unidade de atención a drogodependencias

Tralas críticas do PP, que lembrou que non se cubriu a un médico que leva seis meses de baixa, o rexedor burelao salienta as dificultades para substituír o persoal dun servizo comarcal

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Burela asegurou que busca solucións para cubrir a baixa dun médico desde hai un tempo na Unidade de Atención a Drogodependencias. Tras reclamar o PP a cobertura da vacante, lembrando que son seis meses sen facultativo, o alcalde, Alfredo Llano, subliñou que se trata dun servizo comarcal asumido polo executivo municipal burelao, que “debera ser responsabilidade directa do Servizo Galego de Saúde (Sergas)“.

O rexedor contou “con respecto ao médico da UAD, tivemos unha reunión telemática con autoridades e responsables en toda Galicia e por tanto tamén de Burela. Para que o entenda todo o mundo, é unha competencia impropia do Concello, iso é unha cuestión que historicamente procede dun servizo mancomunado, e polas razóns que fosen, o goberno local asumiu ao persoal, sete profesionais que traballan nesta unidade”.

Llano dixo que “é certo que, como é normal, na plantilla hai un médico especialista para atender aos usuarios da UAD, pero está de baixa por enfermidade desde hai uns meses. E é moi difícil cubrir a baixa deste médico, aínda que levamos tempo intentándoo e aplicamos diferentes metodoloxías. É moi complicado conseguir un médico especialista de saúde mental para que veña a atender estes pacientes porque hai dificultade para atopar especialistas e porque a Unidade de Drogodependencias de Burela, como as do resto de Galicia, depende de subvencións, coas que se cobren os soldos dos profesionais, pero tamén as medicinas, os tratamentos e todo aquilo que corresponde. Polo tanto hai unha achega específica e clara para os salarios dos profesionais”, indicou.

OS SALARIOS, “UN PROBLEMA” PARA ACADAR PROFESIONAIS

Afondando sobre esta cuestión, o rexedor burelao engadiu que “un especialista que traballa na Unidade de Drogodependencias non ten o mesmo salario que outro profesional equivalente que traballa en atención primaria ou no hospital. Por tanto é moi difícil conseguir cubrir esta praza”, salientou.

O alcalde burelao manifestou: “así que a ver cando pode incorporarse o profesional que está de baixa. El di que será en breve e polo tanto imos agardar que sexa así. E paralelamente imos intentar cubrir esta baixa. Pero hai que ter en conta que ao ser unha competencia impropia non podemos xustificar a necesidade dun profesional a maiores do que hai xa, que aínda que está de baixa segue cobrando. Estamos estudando algunha maneira de colaboración para que mentres non se cobre unha praza ou non se incorpora o profesional que está de baixa o Sergas, mediante as unidades que correspondan, nos aporte un ou dous días á semana un profesional para atender as necesidades máis urxentes dos usuarios”, argumentou.

Alfredo Llano engadiu: “este servizo é única e exclusivamente responsabilidade da Xunta de Galicia, pero está nos Concellos, onde estamos encantados de dispoñer deste servizo para atender aos nosos veciños e aos do resto da Mariña, porque é comarcal. Pero evidentemente a responsabilidade directa debe ser do Sergas e non dos Concellos”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...