Este martes presentouse no Centro Experimental Áncora (Polígono de Cuíña, Cervo), xestionado polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), a solución tecnolóxica Xestal (Xestión Forestal Sostible Mediante Teledetección Remota), desenvolvida por un consorcio de empresas galegas para a optimización da xestión do monte, e baseada na teledetección mediante drons ou UAVS (Vehículos Aéreos Non Tripulados). Así o expuxo o ITG a través dun comunicado de prensa.
UN CONTROL DO MONTE “CUN MÍNIMO CUSTO”
As instalacións de Cervo acolleron a demostración desta ferramenta tecnolóxica. Así, un dron realizou medicións de masa forestal que permiten calcular de a altura das árbores, o seu diámetro, especie ou volume de madeira, parámetros todos eles que en moitos casos séguense a recoller a man.
O ITG destaca que “esta proposta innovadora proporciona ás empresas xestoras de montes e á Administración pública unha solución que permite un control do monte actualizado e sostible, coa máxima autonomía e o mínimo custo”. Xestal ofrece, de acordo coa mesma fonte, “maior rapidez e precisión na medición das masas forestais. Está concibido para a optimización de procesos chave na xestión de recursos forestais, como as actuacións que implican os Plans de Ordenación Forestal, como podas ou adecuación de pistas)”, indica o Instituto Tecnolóxico de Galicia na nota, salientando que “é, ademais, unha ferramenta moi valiosa para a xestión do monte privado e para dar soporte a procesos de sistemas de certificación forestal, como o FSC ou o PEFC”.
VARIAS ENTIDADES IMPLICADAS
O consorcio de entidades que desenvolveu esta iniciativa, formado polas empresas galegas Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia, ademais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o ITG, e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia, combinou tecnoloxía e I+D, mesturando o desenvolvemento dun sistema GIS (Sistema de Información Xeográfica) e dun dron, UAV de tipo VTOL (de á fixa con capacidade de despegamento e aterraxe vertical).
“Desta forma, o GIS permite medir e inventariar as especies forestais máis presentes na industria, como o eucalipto ou o piñeiro, reunindo nun único lugar as diferentes fontes de datos usadas, como poden ser o propio dron ou a información proporcionada polos satélites e outra cartografía base”, indica o ITG.
“Pola súa banda, este dron permite mellorar os rendementos de traballo actuais na toma de datos remotos na contorna forestal. Ao utilizar este UAV- VTOL as mostraxes pódense realizar a baixa altura, polo que a precisión das imaxes é moito maior. Ademais, o custo e tempo de preparación dun voo non tripulado é notablemente inferior ao dun tripulado“, engade.
FIXÉRONSE SONDAXES EN PRETO DE 200 PARCELAS DE 47 PARROQUIAS
Desde Aeromedia remarcan que “se levou a cabo unha inxente tarefa de mostraxe de masas de eucalipto e piñeiro a fin de dispoñer de suficientes datos de parcelas que permitisen definir un modelo de inventario robusto. Ao longo de todo o proxecto medíronse preto de 200 parcelas cun sensor LIDAR embarcado nun dron. Estas parcelas de mostraxe repártense por uns 60 montes ao longo de 47 parroquias de Galicia, especialmente en Lugo e A Coruña”, concretan.
Así, aseguran que “con Xestal conseguiuse minimizar o traballo de campo de medición manual ao ser suplementado cos datos tomados desde drons e logrouse dispoñer dunha ferramenta GIS que optimiza as tereas de xestión e ordenación forestal”. Para o desenvolvemento do proxecto foi necesario tamén que os técnicos de Cerna e Greenalia medisen tamén as mesmas parcelas manualmente, con fins comparativos e para desenvolver os modelos de medición para a ferramenta GIS.
DOUS ANOS DE DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO
A presentación de Xestal contou coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey. Este proxecto de I+D+i aprobouse na convocatoria Conecta Peme 2018 da Xunta de Galicia a través de GAIN, que ten como obxectivo fomentar a cooperación entre as pemes e os demais axentes do sistema rexional de innovación. Este programa está cofinanciado por fondos FEDER da Unión Europea. O desenvolvemento levouse a cabo desde mediados do 2018 ata decembro de 2020.
VILLARES VALORA “OS FROITOS” DA “APOSTA” POLA PISTA DE DRONS
O rexedor cervense, Alfonso Villares, precisou que “é unha satisfacción ver como a día de hoxe podemos ver xa os froitos desta aposta que se xestou vai cinco anos, e que se rubricou a comezos do pasado ano a través da cesión ao ITG da parcela 165 do Polígono de Cuíña que conta cunha superficie de 2.365 m2”.
O rexedor recordou que este é o segundo ensaio que se produce neste polo experimental en poucos meses xa que no mes de outubro “fomos testemuñas tamén dunha serie de exercicios de salvamento con drons realizados polo ITG en colaboración coa AXEGA); e puxo de manifesto “a importancia que estas probas poden ter para o noso municipio, situándoo no mapa da vangarda tecnolóxica non só a nivel galego, senón tamén a nivel nacional”.