Unha das portavoces da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, reclamou este venres, unha vez máis, ao Sergas, que incremente o número de cardiólogos para o hospital de Burela.
Segundo explicou, son tres médicos os que conforman este servizo actualmente, aínda que desde setembro “só exercen dous, dado que outro pediu a excedencia”. Montse Porteiro tamén apuntou que, recentemente, incorporouse outra cardióloga que se atopaba de baixa, “polo que houbo semanas nas que só traballaba unha persoa“.
Ante esta situación, desde a Plataforma piden que se “cubra” a excedencia do terceiro cardiólogo, algo que, afirma, non evita que sexan “precisos máis facultativos” no persoal deste centro. “É unha boa noticia que a profesional se incorporase xa, pero segue estando deficiente o servizo de cardiología do hospital”, protestou.
Porteiro aferrouse a que “cando estaba ao completo, co tres médicos, xa había deficiencias“. “Falamos de que se ten que atender a unha poboación de 70.000 habitantes e a patoloxía cardíaca é bastante prevalente na comarca e en xeral”, engadiu. A plataforma, concluíu, chegou a “facer reclamacións con xente que levaba un ano para facer probas diagnósticas e mesmo máis dun ano“.