O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo aumenta a 169, un máis ca onte, segundo o reconto ofrecido este mércores polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Desde a anterior actualización detectáronse dez positivos novos por PCR.
Dos 169 contaxiados, doce permanecen ingresados (dous deles en coidados intensivos, todos no HULA). Os dez pacientes con Covid-19 en plantas de hospitalización repártense entre o propio Hospital Universitario Lucus Augusti (oito) e o centro hospitalario de Monforte (dous). O Hospital Público da Mariña queda sen pacientes contaxiados (no anterior reconto atendía un).
No histórico da provincia documéntanse 211 defuncións, 11.661 altas e 12.046 casos acumulados desde o inicio da pandemia. Fixéronse 205.997 PCR, o que implica que desde o anterior reconto efectuáronse 648 probas.
No que atinxe á situación epidemiolóxica por municipios, Viveiro (cunha taxa de incidencia acumulada de entre 26 e 75 positivos por 100.000 habitantes), Burela (entre 11 e 26), Foz (entre 11 e 26), Ribadeo (entre 11 e 25) e Riotorto (entre 76 e 125) rexistraron algún caso nos últimos sete días, sempre menos de dez, mentres que no resto dos concellos da Mariña non se localizaron novas infeccións nese mesmo prazo dunha semana.
O Vicedo, Ourol, Cervo, Barreiros, Trabada, A Pontenova, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz e O Valadouro non teñen positivos novos desde hai alomenos dúas semanas.