O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, propuxo este luns que se “canalice doutra forma” e se “reformule” a denuncia polos vídeos gravados a mulleres mentres ouriñaban durante as festas da Maruxaina de San Cibrao, cuxas imaxes se chegaron a colgar nunha páxina web de contido pornográfico.
Villares participou este mesmo domingo na multitudinaria manifestación convocada polo colectivo Xustiza Maruxaina, onde se reclamou ao xuíz que “recapacite” no arquivo do caso. No entanto, o rexedor considera que “non se trata de recapacitar, senón de reformular a denuncia e ir por outro camiño” para “ver a forma de atopar ás persoas que cometeron ese delito”.
O REXEDOR VE “COMPLEXO” AUMENTAR A VIXILANCIA
Neste contexto, avogou por pór o foco “en que hai alguén que fixo unhas gravacións” que logo “trasladou a unhas páxinas de pago”. “E aí é onde vemos o delito, no feito de que esas imaxes se puidesen estar a ver en páxinas de pago“, proseguiu.
“Hai que incidir niso, non no feito que propiciou este acto, senón no feito de que haxa algunha persoa que sexa capaz de trasladar unhas imaxes a unha web e sacar diñeiro. Así entre todos debemos de perseguir a forma para a procura dos que son capaces de cometer este tipo de actos”, explicou.
Sobre a posibilidade de aumentar a vixilancia, o alcalde de Cervo confesou que se trata de algo “complexo” porque A Maruxaina é unha “festa multitudinaria, que discorre por moitas rúas e non hai un punto concreto onde se poida facer unha vixilancia máis expresa”. “Ese control pódese facer en eventos festivos con limitacións claras e onde hai control de acceso”, puntualizou finalmente.
As vítimas destes feitos, ocorridos durante a festa de 2019, denunciáronos ante a xustiza contando co apoio da asociación Mulleres en Igualdade en Burela (BUMEI). Con todo, o titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro ditou un auto a mediados de marzo onde sobreseía provisionalmente o caso porque non considera “suficientemente acreditado que se cometeu un delito”.
O PSOE MOSTRA O SEU APOIO ÁS VÍTIMAS
Pola súa banda, a secretaria provincial do PSdeG-PSOE de Lugo, Patricia Otero, quixo mostrar este luns o seu apoio ás vítimas “destas agresións”, á vez que expresou o seu “rexeitamento a estes actos intolerables”.
“Os socialistas da provincia de Lugo manifestamos a nosa enérxica repulsa a estes comportamentos repugnantes, que teñen como única finalidade a denigración contra as mulleres. Por iso, desde aquí, queremos que saiban que contan co noso total apoio”, engadiu, nun comunicado.
Así as cousas, Otero confía en que estes comportamentos, que son “obxecto da máis rotunda condena social”, conten tamén con “a resposta xudicial que merecen as vítimas”.