Case 6.000 persoas visitaron a Praia das Catedrais, no municipio de Ribadeo, entre o Xoves Santo e o sábado desta semana Santa que foi “tranquila e activa”, tal e como a definiu este luns a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta, Anxos Vázquez.
Durante unha visita a este emblemático areal, Vázquez constatou que non se produciu “ningún tipo de incidencia” durante as vacacións no lugar, que conta “con persoal especializado para facer visitas guiadas”, o que inclúe a biólogos e axentes ambientais “que instrúen e ao mesmo tempo dan a coñecer que hai que seguir cumprindo a normativa desde o punto de vista sanitario”.
“Estamos de parabén por ter este paraíso natural e porque o comportamento dos galegos foi fenomenal”, celebrou a conselleira de Medio Ambiente. Anxos Vázquez aférrase a que a Praia dás Catedrais é “un destino seguro, onde aqueles lugares que poden entrañar un perigo están perfectamente sinalizados”. “Nunca debemos saltarnos esa sinalización. Unha foto pode ser moi bonita, pero unha vida o é moito máis. Temos que lembrar que é un ámbito natural”, razoou.
VÁZQUEZ FELICITA O COMPORTAMENTO DOS VISITANTES
Así, sobre as expectativas de cara ao verán, Vázquez augurou que será “marabilloso, pero tamén para toda a zona da Mariña, porque é un atractivo turístico que dinamiza a zona”. “Seguiremos pondo en valor o turismo de natureza porque é fundamental”, comprometeu a conselleira.
O alcalde, Fernando Suárez, avogou esta mañá pola posta en valor do plan especial das Catedrais elaborado polo Concello. Para o rexedor hai dúas actuacións importantes a acometer: un aparcadoiro para acoller o transporte público e o privado así coma o apeadoiro de Feve e a creación de carreiros de madeira ou de saburra cuns miradoiros para que a xente desde arriba poida ver As Catedrais con seguridade en marea alta.
O REXEDOR CRE CONVINTE ARRANXAR A PARTE DE ARRIBA PARA EVITAR ACCIDENTES
O alcalde subliñou que “hai dúas cuestións que lle formulei agora á conselleira para empezar a traballar sen máis demora: unha é que nosoutros estamos iniciando os trámites para cumprir o que pon o plan especial sobre un aparcamento público que conciba no mesmo punto o transporte público e o privado, tamén o apeadeiro de FEVE, pero para iso hai que expropiar uns terreos e executar un proxecto. E iso require moito diñeiro, polo que é necesario o concurso non só do Concello”, xulgou.
“E outra parte que me parece tan importante ou máis é que, precisamente polo accidente que houbo hai tres anos e, como ben di a conselleira, é un momento natural, dinámico, a acción da natureza non se pode regular e é imprevisible, pero a xente segue vindo e vai vir máis. Sobre todo hai que ter en conta que en marea alta non hai areal e a xente tende a andar, aínda que estea prohibido, polos carreiros”, lamentou.
“Polo tanto”, argumentou, “é conveniente facer un sistema, que está previsto no plan especial, duns carreiros de madeira ou de saburra cuns miradoiros para que a xente poida ir pola parte de arriba con seguridade, con distancia do cantil e con todas as garantías para poder gozar e ter unha escusa para vir a Ribadeo e á Mariña para ver esta praia. E iso require tamén facerse cuns terreos e executar esa obra”, concluíu Suárez Barcia.