É capaz de cargar e descargar palés, de xogar aos birlos e de saír dun labirinto. Tamén de gañar a outros da súa especie nunha competición similar á esgrima, consistente en tocar ao rival coa punta dun lápis. O robot Eois, obra do ribadense Álvaro Martínez Fernández, impuxo as súas habilidades na segunda edición do concurso de robótica convocado pola empresa Asti Robotics, que congregou en Burgos a ducias de universitarios e estudantes da Formación Profesional.
Martínez, un estudante de 22 anos na Facultade de Inxeñaría da Coruña, revalida o título pois o ano pasado, cando estudaba en Burgos, gañara o certame cun equipo de compañeiros burgaleses. Desta volta participou só co nome de Ría de Ribadeo Robótica.
o robot é quen de xogar aos birlos, saír dun labirinto ou descargar palés
“Eois é un prototipo similar ao que presentamos o ano pasado, pero un pouco máis sofisticado. En lugar de utilizar unha carcasa prefabricada, esta foi deseñada en 3D”, asegura o ribadense, que traballou durante catro meses para construír o robot. “Entre xaneiro e maio. Foron uns meses largos e incluso tiven que modificar cousas a última hora, mesmo cambiar pezas que se queimaron por exceso de uso”, explica.
A Martínez gústalle reivindicar a súa terra sempre que pode. Eois é o nome da embarcación coa que navega cun amigo na ría de Ribadeo. En novembro do 2017, a súa creación Tesón -chamado así polo banco de area da ría-, gañou un certame na Coruña. “Era un concurso de combates de robots, duns 500 gramos de peso. O de Burgos é máis esixente e supón un desafío”, explica.
O PREMIO, UN EMPREGO
Asti Robotics é unha empresa especializada en automatismos, que crea robots para cadenas de montaxe. A firma ofrece ao gañador do seu desafío anual a posibilidade de facer prácticas na compañía. “É importante, porque o sector da robótica aínda non rompeu. Ten moito futuro e hai unha enorme cota de mercado por diante pero por agora non é tan amplio, non é tan doado atopar traballo”, asegura Martínez. A habilidade de Eois vén de abrille unha porta ao seu creador, un ribadense orgulloso.