A portavoz municipal do BNG, Miriam Bermúdez, e os deputados nacionalistas Daniel Castro e Néstor Rego levarán ao Pleno de Viveiro, Parlamento Galego e Congreso dos Deputados, respectivamente, a necesidade de acceso das parroquias rurais de Viveiro a unha internet de calidade ao estar dentro das chamadas “zonas de sombra” que impiden unha boa cobertura, mesmo para falar por teléfono.
Nun comunicado, os nacionalistas demandaranlles ás tres administracións unha solución tecnolóxica para estes núcleos rurais de Viveiro e solicitarán coñecer as previsións do Goberno Local, Autonómico e do Estado para a dotación do servizo de internet nos núcleos rurais que carecen de alta velocidade.
Asemade, Rego reclamaralle ao goberrno do estado a actualización do mapa das zonas brancas, grises e negras de todos os concellos de Galicia, entre eles o de Viveiro, ao obxecto de que zonas singulares, mal clasificadas actualmente, non queden fóra de futuras liñas de axudas do Estado.
Os nacionalistas lembran a mala cobertura telefónica existente en moitos núcleos rurais das parroquias do concello, tales coma Valcarría, Chavín, Boimente, Covas, entre outras, así como a falta de acceso á internet con banda larga.