Dúas persoas, unha muller e o seu fillo, foron atendidas por mor dun incendio orixinado nunha manta eléctrica da súa vivenda en Ribadeo, que prendeu lume nun colchón.
Así o informou o 112 Galicia, que indicou que sobre as 5,30 horas deste luns recibiu a alerta dun particular que solicitaba asistencia médica para a súa avoa na avenida Leopoldo Calvo Sotelo. Explicoulle aos operadores que acababa de empezar a arder unha manta eléctrica nun colchón da casa e que, aínda que o lume xa estaba sufocado, quedaba moito fume no bloque.
Por iso, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informou os Bombeiros de Barreiros, á Garda Civil, aos membros de Protección Civil da localidade e aos servizos sanitarios de urxencia.
Finalmente, os medios de extinción só tiveron que facer tarefas de ventilación no lugar, puntualizaron as mesmas fontes do servizo de emerxencias. Ademais, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmaron ao 112 que atenderon á inquilina e ao seu fillo no mesmo domicilio e que non necesitaron ser trasladados.