Os casos activos de Covid-19 nos centros educativos non universitarios –escolas infantís, colexios e institutos– de Galicia manteñen a tendencia ascendente e soben a 535, o que supón 53 máis que a última xornada. Tamén se incrementan as aulas inoperativas a 26, sete máis, pero xa non hai centros pechados pola incidencia do coronavirus.
Segundo os datos actualizados este martes polas consellerías de Sanidade e Educación, por áreas sanitarias, salvo a da Coruña, que se mantén con 134 casos activos, no resto ascenden en todas: Vigo (+18), Pontevedra (+17), Lugo (+7), Santiago (+5), Ourense (+5) e Ferrol (+1). Así mesmo, xa non hai na actualidade ningún centro completamente pechado pola incidencia do coronavirus, ao saír da lista unha escola infantil en Quiroga incluída ata o sábado.
A provincia de Lugo concentra 28 infeccións activas, sete máis, e dúas aulas pechadas, unha máis. En concreto, as clases inoperativas sitúanse no CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo e na escola infantil Nosa Señora Purificación de Foz.