Durante o confinamento, o cantautor asturiano Nacho Vegas, un dos máis recoñecidos autores do Estado, tentou darlle un pulo no seu piso de Xixón ás cancións do que será o seu novo disco, tralo extraordinario ‘Violética‘ (2018) e ‘Oro, salitre y carbón‘ (2020), o singular recopilatorio co que reivindicou temas da súa discografía que quedaran nun segundo plano. O ruído xerado en torno á pandemia e a propia reclusión na cidade xixonesa provocaron un bloqueo creativo que preocupou ao músico. “Dinme conta de que me caía a casa enriba e que necesitaba cambiar de aires”, explica por teléfono desde Ortiguera, en Coaña, a pouco máis de 30 quilómetros de Ribadeo e 20 de Tapia. O requexu (recuncho, agocho) que escolleu para buscar “un estado de lucidez” co que compoñer as novas pezas.
A solicitude de entrevista para o Xornal da Mariña rompe o pretendido illamento do artista, que admite estar “recluído nunha ‘casina‘ sen wifi e apenas cobertura” para traballar o mellor posible. Pero aínda se a petición supón unha intromisión no seu retiro, Vegas, cunha educación exquisita, accede igualmente a falar e ás dúas da tarde, hora de inicio da conversa, está tan sollerte (atento) como prometeu.
“necesitaba cambiar de aires. aquí traballo na maquetación das cancións e na escritura de pezas novas”
VINTE ANOS DE CARREIRA EN SOLITARIO
O músico, que cumpre neste 2021 vinte anos de carreira en solitario, admite “unha certa vergoña” por estar a descubrir un lugar que “descoñecía. De neno estiven en Tapia, Taramundi ou tamén Los Oscos, pero non en Coaña ou Navia. E estou encantado, a verdade é que é moi guapo”, expón, con ese adxectivo tan asturiano.
Mio nuevu requexu de trabayu: per dientro / per fuera.
Al occidente del norte. pic.twitter.com/zcrFECItWv— Nacho Vegas (@NachoVegasTwit) April 8, 2021
A GRAVACIÓN, EN VERÁN
Vegas, que a vindeira semana rematará unha estancia de algo máis de tres semanas no Occidente de Asturias, está a traballar en Ortiguera nas maquetas do seu próximo álbum. A idea é afondar na faceta autoral, na pre-produción do disco, para poder posteriormente amosar a materia prima aos músicos. A idea é gravar en verán. “Estou basicamente maquetando o repertorio novo. Trouxen un pequeno estudo caseiro que teño na casa. E tamén estou escribindo e corrixindo, sacando letras”, resume.
Para o artista, esta forma de afrontar esta parte do proceso dun disco é algo novidoso. “É un traballo que normalmente fago en Xixón, na casa, pero o certo é que con todo o que pasou estaba a sentir un pequeno bloqueo creativo. Necesitaba saír da cidade para inspirarme un pouco”, indica. “Hai unha fase na que escribes as cancións, o esqueleto e algúns arranxos básicos que despois estarán no álbum. Para escribir necesito esta intimidade e estame a sentar moi ben”, remarca, rematando que “lembrarei o Occidente de Asturias como parte importante desta obra“.
Logo virá outro momento fundamental, o da interpretación, co grupo de músicos. Unha banda que será distinta da habitual, polo éxito de León Benavente, no que tocan agora algúns dos seus antigos compañeiros. “Esa parte é tan fundamental como a outra, pois é a que fai que a canción cobre vida, podendo facelo dun milleiro de formas diferentes”, indica Vegas.
FUXIR DO MONOTEMA
Vegas concreta dous factores que engaden complexidade á gravación do disco: “por un lado, queremos facer fincapé nunha produción que enriqueza o álbum; tamén sabemos que o outono será unha época de moitos lanzamentos, moitas xiras, porque se espera que haxa un pouquiño máis de normalidade trala crise sanitaria, así que hai que planificar ben todo”.
A que soan as pezas do novo disco? Que temas abordan? “A verdade é que estou nese momento no que as cancións aínda son algo de caos. É a maquetación o que fai que poidas escoitalas e velas desde fóra, cun pouco de perspectiva. É o momento de ultimar os temas e tamén de facer criba, de ver que teñen en común e de que falan”, concreta o cantautor.
“NON QUERÍA ESCRIBIR SOBRE AS VACINAS OU OS NEGACIONISTAS. AS CANCIÓNS ESCRITAS EN QUENTE ENVELLECEN MÁIS RÁPIDO”
Vegas conta que a súa única pretensión “era escapar un pouco do monotema da pandemia e e tamén do clima de crispación social e política. Dinme conta de que non saía dese bucle e non quería facer un disco sobre iso, senón unha colección de pezas que saian de dentro, que sexan honestas pero que non se deixen levar ou influír demasiado pola actualidade. As cancións escritas en quente envellecen moito máis rápido“, asegura.
DO PARTICULAR AO UNIVERSAL
Deste xeito, non ten claro “cal vai ser o tono do disco, pero supoño que afondarei no meu camiño nos últimos anos, no que hai cancións íntimas pero no que hai unha viaxe cara un ‘nós’ máis social. É certo que parto do particular, da miña propia vida, que á fin é o que mellor coñezo, pero para tentar escribir algo máis colectivo, sobre cuestións máis universais”, afonda.
Malia que a intención é non facer un disco versado na pandemia, “sen tratar cuestións como as vacinas ou os oportunismos que se están dando, así como tampouco as teorías negacionistas“, Vegas admite que o impacto que a crise sanitaria supuxo nas nosas vidas estará máis veladamente ou máis explicitamente no novo repertorio.
OS COIDADOS
“É inevitable e necesario que a vida, entendida como non só os teus problemas senón tamén os das outras persoas, entre nas túas cancións. Pero gustaríame que se coase algo para quitar en claro desta hostia de realidade, desta situación que non é ficción senón a vida revelada en toda a súa crueza. Si me gustaría que as cancións falaran da nosa interdependencia, da necesidade de coidarnos os uns aos outros, da tenrura“, sostén. En todo caso, fai fincapé, “aínda que todos buscamos a armonía, as letras falan dos aspectos máis radicais da vida, dos que te levan a preguntas e che fan pensar que non entendes ben o que pasa”.
“gustaríame escribir sobre a interdependencia que amosou a pandemia, sobre a necesidade de coidarnos entre nós”
Neste sentido, Vegas amósase decepcionado porque agardaba que a crise sanitaria “afianzase unha ética dos coidados e unha política de servizos públicos de calidade, pero parece que iso se esqueceu, pois séguese a poñer por diante ás empresas das persoas. Non sei se como sociedade aprendimos unha lección ou será a maquinaria do poder a que sacará rédito de todo isto e seguiremos caendo no individualismo que fai o mundo máis feo, nas lóxicas de consumo que empañan as nosas relacións”, pregúntase.
CONTRA O ELITISMO NA MÚSICA POPULAR
O cantautor xixonés leva este razoamento ao seu sector, e espera que a crise supoña un acicate para mellorar. “Vemos que o foco estaba posto en macroeventos hiperesponsorizados, en grandes festivais que encareceron moito o acceso á música, que fixeron que houbese un claro sesgo de clase á hora de poder desfrutar desta arte. É básico que a cultura sexa accesible. Había unha deriva elitista do pop e pode ser o momento para que músicos, promotoras e oficinas tomemos responsabilidade. Creo que se está a ver quen busca quitar negocio disto e quen se preocupa de verdade”, subliña.
“os grandes festivais encareceron o acceso á música, houbo un sesgo de clase. é o momento de repensar iso”
Sobre unha posible xira, continúa a incerteza, pois a súa dimensión dependerá da situación sanitaria: “non sabemos como vai ser, é normal que preocupe calquera cousa que implique unha congregación de persoas”, confesa.
NOVA ETAPA
Co novo disco, Vegas abrirá unha nova etapa, na que forma parte da discográfica Oso Polita, logo dunha década autoproducíndose con Marxophone. Buscará unha nova banda trala emancipación dos membros de León Benavente. “Pecho un ciclo bonito que espero que continúe co novo selo, porque me parece que na música importan moito os afectos, pasas moito tempo con xente coa que penso que te tes que levar ben. Iso fai que o teu traballo saia mellor”, valora.
“o confinamento e a crise supuxeron un bloqueo creativo. para escribir non só fai falta soidade, tamén un estado de lucidez”
Nese interese por coidar dos detalles e das relacións humanas dentro da profesión enmárcase a procura dun “refuxio” no Occidente de Asturias. “Viña con moitas ideas esbozadas nas que me sentía atascado, e viña tamén para escribir. Está sendo inspirador. Déixache tempo para pensar, dinme conta de que non fai falta só intimidade e soidade para facer as cancións, senón tamén un estado de lucidez. Cando o confinamento pensei: ‘nin tan mal, agora terei tempo para darlle un impulso aos temas’. Pero logo daste conta de que non é o mesmo. Están morrendo persoas, as rúas están baleiras, é unha situación que non che permite ou a min non me permitiu escribir”, relata.
O RURAL
“Aquí, no medio rural, vívese doutra maneira; eu son un urbanita e ata me dá algo de vergoña non coñecer antes esta zona. O Cantábrico é o mesmo de Xixón pero aquí apréciase distinto. Cambia tamén a forma de relacionarse. Aquí percibes a influencia de Galicia, mesmo estou aprendendo algo de fala, e xente ten unha especie de amabilidade natural, case no sentido etimolóxico, de ser digna de ser”, xulga.
A Vegas gustaríalle “reactivar a vida cultural no medio rural, xente como Rodrigo Cuevas está a facer moito por iso. Á fin, se o penso, en Asturias apenas toquei nos últimos anos en Xixón, Oviedo e Avilés, pero pouco máis. Vindo aquí dinme conta de que na xira que vén gustaríame visitar outros recunchos. A miña terra está moi presente na miña vida e nas miñas cancións e gustaríame levalas a outros recunchos”, prosegue.
O ASTURIANO
O autor de cancións como ‘El ángel Simón‘, ‘Ocho y medio‘, ‘Crujidos‘, ‘La gran broma final‘ ou ‘Las palabras mágicas‘ é tamén un activista a prol da normalización do asturiano. “Barbón prometeu que nesta lexislatura habería unha reforma estatutaria para que sexa unha llingua oficial, espero que así sexa. Fálase dunha oficialidade branda, porque parece que doutro xeito desátase unha radicalidade independentista, non entendo por que. É importante respectar as variantes dialectais, tamén o galego-asturiano, pero, con todo, sería o primeiro paso. É importante que as novas xeracións non sufran esta diglosia“, reclama.
Vegas tamén é un activista da esquerda, á que ve “en horas baixas e iso descorazona un pouco. Os anos 2010 comezaron con ilusión, co 15-M, cunha enerxía transformadora importante. É certo que entrou Podemos no Goberno, pero de forma subalterna co PSOE e sen alterar o paradigma neoliberal. O feminismo foi un dos principais eixos mobilizadores, pero tentouse criminalizalo mesmo culpándoo da pandemia. Acabamos a década cunha ultradereita envalentonada. É terrible que Vox pareza unha opción política lexítima máis, cun discurso tan abertamente racista, homófobo e antifeminista. Iso necesita un contrapoder que naza non só nas institucións senón tamén na rúa”, cre o músico, que ve “esa alternativa propostiva aínda por construír”.
“é terrible que vox pareza unha opción política lexítima. precisamos unha alternativa propositiva que está por facer”
Con todo, nunca hai que perder a esperanza, entende Vegas. “Tes que vencer o pesimismo. Non favorece nada, nin a vida nin a creación; pode levarte a caer no cinismo, que é antirrevolucionario. Desde aí non podería facer cancións”, conclúe.