O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, vén de acordar o establecemento para este luns do nivel máximo de restricións nos concellos de Carballeda de Valdeorras, Cualedro, A Pobra do Caramiñal, O Grove, e Vilanova de Arousa. Son os mesmos que o martes, agás este último, que se incorpora na nova relación remitida pola Xunta.
Así mesmo, o subcomité mete no nivel alto os concellos Lobeira, Muiños, Petín, O Barco de Valdeorras, Meira, Ribeira, Cambre, Marín, Meis, Meaño, Ribadumia, e Ponteareas.
E, tras un erro, incorpora novamente a Trabada e Barreiros nas restricións do nivel medio nas que tamén están os concellos de Cartelle, Lobios, Cortegada, Padrenda, Verín, Chantada, Boiro, Rianxo, Carnota, Carral, Catoira, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Poio, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, e Vigo.
No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro luns, 26 de abril.