Foz contará cunha nova canceira trala sinatura dun convenio entre o Concello e a Deputación de Lugo, que cofinanciarán a instalación. O novo refuxio ubicarase en Escanlar, na parroquia de Vilaronte, ao pé do punto limpio.
A canceira terá unha capacidade para 40 animais, cans e gatos. Situarase nunha parcela municipal de máis de 13.000 metros cadrados, cunha ocupación de 285. A nave será de estrutura metálica cuberta e inclinada a dúas augas.
SERVIZOS
As novas instalacións disporán de zona de espera, oficina, aseo con ducha e zona de baño de animais, sala de curas e sala para pequenas intervencións. A nave disporá dunha zona exterior para os animais onde se situará tamén un almacén de alimentos.
INVESTIMENTO
O investimento na canceira alcanzará os 130.000 euros. A Deputación achegará 90.000 euros para a construción da instalación, mentres que o Concello de Foz financiará a compra dos terreos, cun importe de 40.000 euros, procedentes do Plan Único.
SERVIRÁ A OUTROS MUNICIPIOS
A Asociación Asistencial Protectora de Foz encargarase de xestionar a instalación, que prestará servizo a varios municipios da Mariña Lucense. Os concellos interesados terán que asinar un convenio de colaboración co executivo municipal focego, titular da nave.
O voceiro do goberno provincial, o socialista Álvaro Santos Ramos, lembra o “esforzo en investimento” da Deputación neste ámbito, e recorda que “ampliamos a canceira do Valadouro cun orzamento de 85.000 euros, que dá servizo a uns 30 animais e tamén aos municipios de Alfoz, Muras e Lourenzá”.
LISTA “NA PRIMAVERA”
O alcalde de Foz, o popular Javier Castiñeira, agradeceu o apoio da Deputación e subliñou que se trata “dunha obra moi demandada pola protectora de animais”.
O rexedor resaltou que as actuais instalacións son “insuficientes” e agarda que “na vindeira primavera poidamos contar con esta infraestrutura que era unha necesidade“.