A Deputación de Lugo investirá máis de 110.500 euros na mellora da estrada provincial LU-P-0210, que une A Seara, en Alfoz, e San Acisclo, en Foz. De feito, o Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xa asinou o contrato coa empresa Transformaciones Agrarias Isidro Hermanos Blanco Trigo, S.L. para a execución das obras de mellora deste vial. Está previsto que as obras comecen nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables, e o prazo de execución é de 6 meses.
Segundo apunta a Deputación nun comunicado de prensa, os traballos, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 5,1 e 5,3, consistirán na ampliación e acondicionamento da vía con aglomerado en quente, así como na dotación de iluminación e beirarrúas.
Tomé subliñou que con estas actuacións se resolve “un problema de seguridade, pois actualmente a vía é moi estreita neste treito e está deteriorada, dificultando a condución”. Ademais, dixo que se verán beneficiados numerosos veciños ao tratarse dunha estrada que soporta moito tráfico ao ser unha das vías que une Foz con Alfoz, sendo o camiño máis corto para chegar á costa”. As actuacións completan a renovación desta vía na súa totalidade, que xa se atopa ensanchada e adecentada no resto de treitos.