O informe do Consello da Cultura Galega, que insiste en que o topónimo oficial é Ría de Ribadeo, xa que así figura en numerosos documentos históricos e oficiais, foi avaliado, xunto con outros documentos encargados á Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela, na reunión da Comisión de Toponimia de Galicia, reunida na tarde deste mércores para fixar a postura da Administración autonómica.
Deste xeito, e tras coñecer este informe e os consellos doutras institucións favorables o topónimo Ría de Ribadeo, a Xunta emitiu un ditame no que aposta por manter este nome histórico para a ría. Por iso, defenderá ante o Goberno central que se manteña a actual denominación da ría fronte á petición do Goberno asturiano, que xa tentou fai máis dunha década cambiar o nome e rebautizala como Ría do Eo.
Tanto a valoración da comisión como o estudo do CCG serán remitidos ao Instituto Geográfico Nacional do Ministerio de Fomento, encargado de decidir se acepta o cambio de nome, posto que é o órgano encargado de facelo nos casos en que afecte a máis dunha comunidade autónoma.