O presidente do comité de Alcoa en Cervo, José Antonio Zan, anunciou que se convocou unha nova mobilización para o próximo 28 de maio, ao coincidir cun ano desde que a empresa anunciou o expediente de regulación de emprego que finalmente non puido levar adiante e coa operación de venda da planta da Mariña aínda pendente.
O persoal retornará así a unhas mobilizacións, que, segundo advirte Zan, “nunca” deixaron, aínda que “hai que ir vendo onde se está e cal é o escenario“. “Agora mesmo, o escenario é que dependemos dunha decisión política e para obrigar a que esa decisión política leve a cabo o que faremos é presionar aos políticos tanto locais, como provinciais e nacionais a ver se dunha vez por todas a SEPI fai todo o que prometeu”, advertiu.
Zan non quere entrar en quen é o responsable da “incerteza” que se cerne en canto ao futuro da fábrica mariñá e así despachou que “dicilo non serve de nada e non vai a ningún lado”.
“O que necesitamos é que se poñan solucións encima da mesa, que empece a negociación co comprador ou compradores que poida haber e se busque unha saída canto antes; hai que buscar alternativas e fórmulas para que isto se desbloquee”, subliñou.
O presidente do comité de empresa de Alcoa lembrou que o 28 de maio hai “un ano” desde o inicio das protestas e precisamente vaise a conmemorar este aniversario cunha mobilización que aínda teñen que concretar.
Por último, Zan apelou a que “o que non é normal é que desde xaneiro que se comprometeu o Ministerio (de Industria) e a Xunta en buscar unha solución ao problema, para o que pediron paralizar a folga, non avanzase case nada ou máis ben pouco en canto á negociación para a venda”.