O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou hoxe en sede parlamentaria sobre as melloras realizadas nas infraestruturas sanitarias da provincia de Lugo, entre elas, as que teñen que ver co Hospital da Mariña.
Así, indicou que se continúa avanzando na mellora de todas as súas instalacións e lembrou que xa están remataron as fases 0,1A e 1B coa execución dun novo edificio para consultas externas e de hospitalización, así como o novo aparcadoiro e a reforma do edificio existente.
O seguinte paso é executar as Fases II e III coa construción dun novo edificio anexo sen funcións asistenciais Tamén se reformarán diversas áreas do edificio existente, ampliarase a área de urxencias, reformarase a área de cirurxía maior ambulatoria, a URPA (unidade de recuperación postanestésica) e a unidade de críticos.
O proxecto básico de execución e de dirección facultativa destas dúas fases atópase agora mesmo en licitación e xa rematou a fase de presentación de ofertas, á que se teñen presentado tres empresas.
O conselleiro de Sanidade pechou a súa intervención parlamentaria remarcando que a Xunta segue traballando na mellora das infraestruturas sanitarias na provincia e dos servizos e prestacións que levan aparellados, para abordar do mellor xeito posible as necesidades da poboación luguesa.