O amplo apoio ao Manifesto Así NON!, con máis de mil sinaturas, provocou a modificación do proxecto de reforma da Praza da Catedral de Mondoñedo. Tras a remisión nos pasados días desde o concello de Mondoñedo do proxecto modificado de reforma da Praza da Catedral, ca plataforma impulsora deste manifesto lembra que o proxecto afectaba “irreversiblemente á estrutura e fisionomía deste espazo urbano, centro neurálxico e emblemático singular, parte dun Conxunto Histórico-Artístico e Patrimonio da Humanidade dos Camiños a Santiago”.
Nun comunicado, destaca que o Manifesto Así NON! opoñíase á pretensión de trasladar o cantón e escaleiras do lado oeste da praza así como ao ancheamento da rúa do lado norte e solicitaba outro tipo de “proxecto humanizador no que converxan a memoria, a historia, o presente e o futuro que pretendemos para Mondoñedo”.
Por iso, recoñece o sentido común por parte do goberno municipal tras a celebración de tres reunións entre as partes que induciron unha modificación do proxecto inicial na que o goberno municipal renunciou ás obras máis lesivas para a praza, limitándose a executar as de saneamento, iluminación, accesibilidade e repavimentación.
Con todo, os impulsores do Manifesto queren deixar constancia, en todo caso, de que igual que o proxecto inicial xa fora redactado sen contar coa opinión da cidadanía tampouco este modificado o foi nin cos impulsores do Manifesto “nin, que saibamos, con persoas ou colectivos representativos da veciñanza”, apuntan.
Pero destaca que, unha vez coñecido o proxecto modificado, celebra que se renunciase ás alteracións máis lesivas previstas, pero solicita do goberno municipal que o someta ao trámite de exposición pública ou cando menos, que o faga público na web do concello.