O Concello de Lourenzá investirá 592.000 euros para crear un local multiusos na nave do recinto feiral e mellorar camiños municipais e o entorno do campo de fútbol. Para a realización destes proxectos no pleno da corporación local aprobouse, cos votos a favor do equipo de goberno, un expediente de modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería.
A alcaldesa, Rocío López, dixo que a rexeneración de camiños municipais levarase a cabo cun investimento de 280.000 euros, “co cal se farán actuacións en todas as parroquias do concello, en función das necesidades reais existentes para seguir mellorando a calidade das infraestruturas locais”.
A actuación proxectada consiste na pavimentación de 37 viais do municipio que presentan un mal estado de conservación debido á súa antigüidade, ó seu uso e as inclemencias meteorolóxicas. Estas actuacións realizaranse nun total de 11.255 metros, repartidos polas distintas parroquias do concello. “Con esta actuación seguimos mellorando o noso viario municipal e con iso a calidade de vida das parroquias e dos nosos veciños. É fundamental dotar e mellorar os servizos no noso rural se queremos atraer e fixar poboación nel”, dixo a alcaldesa.
LOCAL MULTIUSOS
A reforma nas instalacións da nave do recinto feiral terá un custe de 262.000 euros. “Ao longo dos anos vimos dándonos conta de que Lourenzá necesita un local multiusos onde poder realizar moitas das actividades que teñen lugar no municipio”, sinalou a alcaldesa xa que, actualmente, o salón de actos queda xa pequeño para realizar eventos como a Gala do Teatro, conferencias, comida da terceira idade, Mercado de Nadal, eventos das Escolas Deportiva…
A nave existente ten unha superficie de 1.928 metros cadrados, dos cales se realizará unha intervención nun terzo da mesma, quedando así a nave dividida en dúas partes. A zona sobre a que se realiza a actuación ten unha superficie de 635 metros cadrados construídos. E nas obras adicionais para o acondicionamento do entorno do campo de fútbol o investimento será de 50.000 euros.