O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Viveiro e Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, felicitaron ás deportistas da Escola de Rugby Astérix de Viveiro que a pasada semana se impuxeron no campionato galego feminino sub-14 e que esta fin de semana disputan o campionato de España.
Tanto Tomé como Loureiro puxeron en valor o traballo das mariñás nun deporte no que a presencia feminina é aínda minoritaria e desexoulles sorte na súa participación no torneo nacional de clubs que se disputa esta fin de semana.
“É todo un éxito. Este é un deporte no que aínda non hai moita participación feminina e que un equipo tan novo acade o recoñecemento autonómico é un paso importante. A igualdade é algo que só acadaremos traballando xuntos, avanzando de xeito transversal, con políticas impulsadas desde as administracións e con xestos na nosa vida cotiá”, asegurou o Presidente.
“EXEMPLO” PARA OUTRAS NENAS
Por outra banda, María Loureiro incidiu en que, con esta medalla de ouro, as deportistas do Astérix “visibilizan e poñen en valor o talento, o traballo e o esforzo conxunto que fixeron durante dous anos, que son exemplo para outras nenas e que axudan tamén a que avancemos cara a igualdade de oportunidades, derribando barreiras e teitos de cristal”.
Tomé Roca e Loureiro trasladaron os seus parabéns, en nome da institución provincial, a Carmen, Martina, Pauli, Mariña e Andrea, as cinco campioas da Escola de Rugby Astérix que lograron o recoñecemento autonómico para menores de 14 anos e desexoulles sorte no campionato nacional de clubs que disputarán esta fin de semana. Este xoves, María Loureiro, e o concelleiro de Deportes de Viveiro, César Iglesias Docal, xa recibiron no Concello a estas deportistas.