Un ‘herbario dixital‘ para mergullarse na riqueza e diversidade vexetal do Concello de Cervo a golpe de ‘click’. Este é o proxecto que veñen de desenvolver dúas rapazas da zona, a artista Uxía Treitas e a bióloga Elisa Rodríguez, a través do programa de bolsas de formación remuneradas do propio concello.
“Apaixoadas da natureza, a fotografía e o traballo ao aire libre”, neste herbario dixital “describen e identifican preto de 200 especies diferentes”; unha recompilación froito dun “intenso labor de campo” que realizaron nos últimos meses no marco da bolsa de formación e que, segundo indican, “irán completando nos seguintes meses para desfrute de todos e de todas”.
Dende o Concello de Cervo parabenizan o traballo destas dúas veciñas e indican que ambas “representan a esencia do programa de bolsas de formación remuneradas que ten en marcha o Concello de Cervo desde o ano 2013”. “Unha importante aposta financiada integramente con fondos propios, que ten como obxectivo prioritario ofrecer á xuventude ese primeiro contacto co mundo laboral, reforzando a súa aprendizaxe para enfrontarse a un mercado laboral cada vez máis esixente e competitivo”, enganden.
Queres descubrir a flora do Concello de Cervo? Preme aquí.