O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou hoxe a solicitude da comparecendia na Comisión de Industria da Ministra Reyes Maroto e da Presidenta da SEPI, Belén Gualda, para que expliquen a posición do Goberno sobre a situación de Alcoa San Cibrao e sobre a negativa expresada nas últimas semanas a que a SEPI se faga cargo da planta como paso imprescindíble para garantir proxectos industriais estables que aseguren a continuidade da actividade e dos postos de traballo.
O BNG considera que a situación en que se encontra a planta non permite esperar máis e esixe solucións decididas. Nestor Rego considera que a resistencia do Ministerio á intervención pública é “inaceptable e irresponsable” e reclama dar cumprimento á resolución que instaba ao Goberno á intervención pública da planta de aluminio.
Para o deputado do BNG resulta máis rechamante esta negativa tendo en conta que hai 15 se facía pública a decisión do Ministerio de Industria de financiar con cargo a un fondo de 600 millóns de euros a construción dunha nova planta de aluminio primario en Zamora. “Non nos parece de recibo que en canto o Ministerio de Industria se resiste a cumprir os compromisos estabelecidos, incluídas as resolucións do Congreso, estea en disposición de financiar con recursos públicos unha nova planta de aluminio”, resalta Néstor Rego.
O BNG quere que tanto Reyes Maroto como Belén Gualda dean explicacións no Congreso sobre as xestións que están a realizar e a opción da intervención pública para garantir a continuidade da actividade e da totalidade dos postos de traballo nas plantas de aluminio.