O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (EFEA) Pedro Murias de Ribadeo acollerá un curso básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios. O programa, que contará cunha duración de 27 horas repartidas en seis xornadas, comezará a partir do luns 26 de xullo.
O curso, que está organizado pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), céntrase en ofrecer formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios en explotacións sen emprego de persoal auxiliar. Está dirixido a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial xente nova do rural galego.
No programa trataranse os diferentes produtos fitosanitarios, métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, así como os riscos para o mediambiente que poden vir derivados do seu uso e os equipamentos EPIs axeitados para o emprego deses produtos. Con esta formación preténdese capacitar aos participantes para obter o carné de aplicador de nivel básico necesario para exercer a actividade a nivel autonómico e estatal.
Este curso súmase ás accións formativas organizadas pola Consellería do Medio Rural no ano 2021, que se poden consultar a través da súa páxina web.