A presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, insistiu en Viveiro na petición do partido ao Goberno central para que cumpra “os acordos aprobados tanto no Parlamento como no Congreso, e mesmo nos plenos dos concellos da Mariña” de forma que “o SEPI lidere a operación de compra que permitiría ser a solución ao problema de Alcoa”.
Así se expresou Candia tras manter unha reunión de traballo cos senadores José Manuel Barreiro e Rosa Arza, o deputado nacional viveirense Jaime de Olano, e outros membros do grupo municipal para analizar “un problema que preocupa enormemente na Mariña como é o mantemento dos postos de traballo e que a planta de San Cibrao continúe fabricando aluminio primario“.
Nun comunicado, o partido popular de Lugo sinalou que esa inquietude xa foi trasladada tanto á empresa como ao comité de empresa “en representación dos traballadores que atrasaron a folga nun exercicio de paciencia e procura de consenso”.
“Non entendemos ese silencio, ese inmobilismo por parte do PSOE na Mariña. Pedímoslle responsabilidade e compromiso co seu territorio, e que obriguen a mover ficha ao Goberno, a cumprir eses acordos. Reivindicámolo desde Viveiro, onde a alcaldesa socialista e a subdelegada do Goberno, que foi concelleira aquí, están caladas”, lamentou Candia.
A líder dos populares lucenses tamén se referiu á visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, a Pittsburgh –onde se atopa a sede de Alcoa–, “que non foi clarificadora”. Neste sentido, o deputado nacional e vicesecretario de Participación do PP, Jaime de Olano, tachou a visita de “surrealista” e esixiulle ao Goberno “solucións e certezas”, xa que “están en xogo miles de postos de traballo e o tempo esgótase”.
“Tamén necesitamos que o presidente da Deputación non estea de brazos cruzados e, xunto aos alcaldes socialistas, fáganlle ver a Sánchez a importancia de Alcoa”, afirmou Olano.
COMPROMISO “REAL” DO BNG
O deputado popular tamén lle esixiu ao BNG un “compromiso real”. “Non serve de nada poñer o berro no ceo polas políticas de Sánchez, pero á vez estar a manter gobernos socialistas. Apoiar ao PSdeG en Lugo, é apoiar ao PSOE, é apoiar a Sánchez e as súas políticas coa nosa provincia. Ninguén pode entender que, por unha banda, se critique a actitude de Pedro Sánchez coa Mariña e con Lugo e, por outro, manteña os gobernos de Sánchez, da Deputación e de distintos concellos na provincia. Pedímoslle un pouco de coherencia”, apuntou.
Olano tamén se referiu á visita de Oriol Junqueras, a quen tachou de “delincuente”, a Santiago de Compostela, convidado pola formación nacionalista. “O modelo do BNG é Bildu e ERC e xa sabemos o que logrou ERC para os cataláns: dividir e enfrontar a uns cataláns coa outra metade”, asegurou o deputado, que destacou que os galegos apostan por “a convivencia e a concordia” e porque o seu Goberno autonómico “céntrese no importante como a sanidade e a educación, que veñan empresas a Galicia, e que se cre emprego”, motivo polo que, segundo apuntou, “os galegos elixen a Núñez Feijóo”