“Viveiro Sustentable” é o proxecto do Concello de Viveiro de loita contra o cambio climático e defensa do medio ambiente. A primeira campaña do proxecto é a compostaxe doméstica, na que xa están implicadas preto de 200 familias. O programa ten como obxectivo que 300 familias do concello composten na súa casa. O único requisito e ser veciño de Viveiro e ter un pequeno xardín.
O concello abre un novo prazo para que as persoas intereadas recollan o seu composteiro aínda que non estean apuntadas previamente no programa. Entregaranse composteiros a todos os interesados no Pavillón Polideportivo Municipal o martes 3 e o xoves 5 de agosto entre ás 10:00 e as 14:00 horas. Ao recollelo será necesario indicar un número de teléfono e o nome. As persoas que recollan o composteiro recibiran unha chamada para completar os seus datos, tamén poden facelo nun formulario online antes ou despois da recollida.
Logo disto recibirán a visita das Mestras Composteiras que farán a labor de formación para o mellor funcionamento dos composteiros. “Agradecemos a colaboración veciñal, con esta aposta pola compostaxe pretendemos que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.