Alcoa reúnese este venres coa ministra de Industria, Reyes Maroto, segundo informa, “para propor solucións alternativas aos retos da planta de aluminio de San Cibrao”.
A multinacional asegura que considerou “a proposta verbal” realizada pola ministra Maroto durante a reunión do 19 de xullo co presidente e conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey “e, tras a súa análise, Alcoa presentará hoxe -por este venres- á ministra unha contraproposta de risco compartido que podería achegar un futuro á planta e á actividade industrial na rexión”.
“Esta proposta é resultado do compromiso continuo de Alcoa por atopar solucións para resolver os retos que afronta a planta de aluminio de San Cibrao, e confiamos en que sexa ben acollida polos traballadores e demais partes interesadas”, destaca.
Maroto trasladou a Harvey unha proposta para a venda directa da fábrica a un comprador interesado, isto é, sen a intervención do Goberno central como intermediario a través da SEPI (sociedade estatal de participacións industriais), cuestión que reclama a compañía.