O Concello de Ribadeo asinou o convenio coa Deputación de Lugo para cubrir parte do financiamento do carril-bici que conectará o centro urbano da vila coa praia de Rocas e coa Illa Pancha.
O proxecto ascende a 320.000 euros dos que a Área de Medio Rural e Mar da institución provincial achega 250.000 euros e o resto procede de fondos propios do Concello. O alcalde, Fernando Suárez, asegura que nos vindeiros días se iniciará a licitación “deste ambicioso proxecto”.
Suárez Barcia explicou que “o proxecto consiste na adaptación como vía ciclista dun treito de catro quilómetros entre a praia dos Bloques e a zona do faro”, bordeando a costa e discorrendo por lugares emblemáticos como o cargadeiro ou o Forte de San Damián. Para iso, vaise habilitar un carril-bici bidireccional de dous metros e medio de ancho “a partir do Forte de San Damián, mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista”.
O traxecto tamén será transitable a pé por beirarrúas e por pasos peonís. Para completar esta ruta circular incluirase o aglomerado asfáltico do treito comprendido entre a praia de Rocas e o encontro coa estrada provincial en Vilaselán.
O alcalde ribadense subliñou que “é unha importante actuación que vai mellorar as condicións de uso e de seguridade dun espazo que xa é empregado pola veciñanza e en especial pola mocidade para o paseo a pé e para outras actividades físicas”
Fernando Suárez dixo que nestes días se están recibindo xa as últimas autorizacións sectoriais necesarias para a realización desta obra polo que, coas garantías económicas xa aseguradas a través da sinatura deste convenio, “nos vindeiros días iniciaremos a licitación deste ambicioso proxecto”.
EXPOSICIÓN DE PIOGRAVADOS DE ANTONIO MARTÍNEZ
A oficina de turismo de Ribadeo acolle ata o 14 de setembro unha exposición de pirogravados de Antonio Martínez.
Este artista leva traballado esta técnica dende a súa infancia e foi perfeccionándoa ao longo da súa carreira ata chegar á actualidade. Nos dous últimos anos aumentou a súa obra. Nesta mostra pódense ver tanto paisaxes como edificios emblemáticos da vila ribadense e doutros lugares do mundo.
A exposición foi inaugurada na xornada de onte. Xunto a Antonio Martínez estivo o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez. O horario de visitas é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas de luns a domingo.