O PP de Burela denunciou este xoves que o expediente de contratación do servizo de recollida do lixo que o goberno local levará a pleno na vindeira semana supón un aumento do gasto “dun 26,8% sobre o que se está a pagar nestes momentos”.
O goberno de Burela presentará un proxecto para o servizo de catro anos de contrato máis un de prórroga, que inclúe a limpeza viaria, de praias e a xestión do punto limpo.
Os populares afirman que o goberno local pagaba “650.000 euros ao ano, IVE incluído, a Celtaprix, e a actual adxudicataria, Geseco, recibe 719.790 euros”.
O partido conservador critica que “a empresa axudicataria deste novo proceso pode cobrar 912.423 euros ao ano, IVE incluído, o que nun lustro suporía máis de 4,5 millóns de euros, un incremento de 193.000 euros por exercicio”.
O PP de Burela afirma que esta subida do prezo non iría acompañada “de ningunha mellora do servizo, nin de persoal nin de medios”, e asegura que “non hai xustificación” para o incremento.
Os populares tamén afean ao goberno local que “mentise” sobre a súa intención de “municipalizar o servizo de recollida de lixo, algo do que fixo o seu principal obxectivo”.
Neste senso, o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, sinala que os informes elaborados pola Deputación de Lugo “desaconsellan por agora recuperar o servizo, algo ao que non renunciamos, pero que terá que ser a longo prazo”.
Respecto ao orzamento criticado polo PP, o rexedor lembra que se trata de “cifras orientativas, unha primeira proposta”, e afirma que no presuposto se contemplan “as variables necesarias nun contrato de catro anos máis un, como poda ser a necesidade de mercar vehículos ou os gastos no combustible”.
Llano tamén resaltou que co novo contrato “mellorarase a recollida de cartón, que é algo que precisabamos, e tamén a limpeza das praias e beirarrúas. Teremos un bo servizo e para iso estamos a actuar con rigor”, concluíu Llano.