O comité de empresa da factoría de Alcoa San Cibrao, en Cervo non descarta levar as súas protestas diante do Congreso dos Deputados, en Madrid, para urxir a intervención da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).
Pero o seguinte paso, tras a concentración do domingo ante a Subdelegación do Goberno en Lugo que reuniu a unhas 3.000 mil persoas –segundo cálculos dos traballadores–, é envorcarse na manifestación que xa está convocada para o domingo 17 en Viveiro.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, recoñeceu que están “moi satisfeitos” pola concorrencia á protesta deste domingo e animou aos veciños da comarca a que acudan, precisamente, á que está programada para o próximo.
“É unha manifestación convocada polos sindicatos, polo que queremos convidar a toda A Mariña lucense a que veña a apoiarnos, porque necesitamos agora máis que nunca o apoio, porque se a SEPI entra nesa operación ao día seguinte poderiamos ter o comezo da venda”, explicou.
En canto a levar as protestas a Madrid, diante do Congreso, Zan puntualizou que se están “barallando varios temas”, polo que van “aos poucos”. “Para ir a Madrid hai que ter moita xente e que sexa un éxito, e iso non se fai dun día para outro”, subliñou.
En calquera caso, deixa aberta esa posibilidade: “A estas alturas non descartamos nada“. “Primeiro debemos ser comedidos e moi austeros en todo o que fagamos, porque tan importante é facer as cousas ben como non facer moito e que piquemos”, advirte.
Zan finalmente acredita que seguen “sen noticias do Goberno, nin de Alcoa, e coa necesidade dunha vez por todas de que dean ese paso de valentía de meter á SEPI na operación”.