A Unión Xeral de Traballadores (UXT) clamou en Sargadelos contra o xerente da fábrica de cerámica de Cervo, Segismundo García, e reivindicou o sindicalismo e o traballo da súa ex delegada Rogelia Mariña, sinalada polo máximo accionista da fábrica e destituída polas súas compañeiras nunha asemblea de persoal.
A manifestación, na que participaron centos de persoas -mil, segundo a organización- partiu do consistorio para deterse na fábrica cervense. Nela participaron varios altos cargos da central socialista.
Persoas chegadas de varios recunchos de España, moitas delas con motivo da xuntanza anual das xuventudes do sindicato, mostraron o seu apoio a Mariña e o seu desprezo ao xerente de Sargadelos, ao que acusaron de “cacique“.
GARCÍA AGARDOU AOS MANIFESTANTES
Cando a multitude chegou á planta, García agardaba ás portas da fábrica. Non houbo diálogo entre o conselleiro delegado e os manifestantes nin tampouco enfrontamentos. Posteriormente, o xerente seguiu as intervencións dos dirixentes da UXT desde dentro da fábrica.
“SARGADELOS É DE TODOS”
Javier Carreiro, secretario xeral da federación de industria, construción e agro da UXT a nivel galego, reivindicou o legado de Raimundo Ibáñez e Isaac Díaz Pardo e os avances en igualdade conseguidos pola firma, cunha maioría de emprego feminino, para asegurar que Sargadelos “non é de Segismundo, senón de todos os galegos”.
O sindicalista asegurou que o sindicato non ten nada contra as traballadoras. Unhas 50 operarias pediron o pasado xoves á UXT “que nos deixe en paz e non complique a situación”.
“non estamos contra as empregadas, senón contra o cacique que as ten atemorizadas”, asegurou o sindicato
“A culpa non é das empregadas”, argumentou Carreiro, “senón do cacique que as ten atemorizadas. Nós seguiremos denunciando irregularidades e loitando polos seus dereitos”, afirmou.
“DEREITOS QUE NON ESTÁN CONSOLIDADOS”
Pedro Hojas, secretario xeral de FICA-UGT a nivel español, louvou a Mariña como “unha persoa de principios e que leva Sargadelos no sangue, pois foi nesta mesma fábrica na que faleceu seu pai“.
“Estamos aquí para defender dereitos que criamos consolidados, pero non o están“, asegurou, para engadir que “non estamos no século XVIII, xa non hai vasalos“.
Hojas cargou contra a reforma laboral e esixiu o seu derogamento, que permite “despidos unilaterais e que os traballadores estean á intemperie diante de empresarios coma García”.
O SINDICATO PREGUNTA “ONDE ESTÁ A FISCALÍA”
O secretario xeral da UXT, Pepe Álvarez, cargou contra a Fiscalía de Lugo e preguntouse “onde está cando se están cometendo delitos recollidos no código penal“.
O secretario xeral tildou a Segismundo de “chulo” e “prepotente” e acusouno de “querer mercar” a Mariña, que “nin se vendeu nin se axeonllou”.
a uxt asegurou que se gaña as demandas interpostas contra sargadelos destinará os cartos aos despedidos
Ademais, afirmou que, se o sindicato gaña as demandas interpostas contra a empresa, repartirá os cartos “entre os traballadores despedidos” desde agosto.
Álvarez advertiu á dirección da empresa que “se tocan aos nosos compañeiros, non imos pasar nin unha”, aínda que na súa intervención deixou unha porta aberta ao diálogo, sempre e cando se restitúa á sindicalista e aos traballadores cesados.
CHAMAMENTO Á NEGOCIACIÓN
“Se se readmiten aos despedidos e Rogelia volve ao seu posto, coa súa responsabilidade anterior, estamos dispostos a sentarnos”, asegurou, para concluír que a outra alternativa é “unha querela criminal contra este delincuente”.
ALCOA
Álvarez tamén se referiu a Alcoa e esixiu ao Goberno que actúe este mesmo venres para retirar o ERE de extinción plantexado para as fábricas de A Coruña e Avilés.
MARIÑA REINCORPORARASE O LUNS
Mariña fixo unha breve intervención de agradecemento aos participantes. A traballadora reincorporarase o vindeiro luns ao seu posto, despois dun tempo de baixa médica.
“O que me doe é a xente que foi despedida e non volveron traballar”, espuxo Mariña, que engadiu “que eu non o busquei“.
AS OBREIRAS, “CANSAS”
O acto concluíu sobre as tres da tarde, hora na que as traballadoras da planta remataban a xornada laboral. Marcharon da fábrica no medio do acto sen que houbese incidentes.
As traballadoras non se dirixiron aos manifestantes nin realizaron declaracións aos medios de comunicación, aínda que algunha das empregadas mostrou o seu “cansazo” despois de tres meses de conflito laboral.
o conselleiro delegado négase a dialogar tralo chamamento da uxt a negociar se readmite despedidos e restitúe a mariña
GARCÍA: “NADA QUE FALAR CON UXT”
García, pola súa banda, non quixo facer valoracións sobre a manifestación. Asegurou que este tipo de actos “non benefician á empresa” e reiterou que “non hai diálogo posible pola miña parte con UXT”.