A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo vén de iniciar o curso 2021/2022 con 361 alumnos e alumnas matriculados de entre 4 e 80 anos, unha cifra superior con respecto ao curso pasado. Segundo a EMMeD de Ribadeo con estas cifras é o centro destas características con maior número de persoas matriculadas na comarca da Mariña e no occidente asturiano.
O claustro docente da EMMeD de Ribadeo estará formado por 13 profesores e profesoras, un por cada unha das disciplinas que oferta o centro, o que garante que o alumnado disporá dunha “atención especializada en cada unha das materias que imparte a Escola”, segundo apunta Hugo García Presno, responsable da EMMeD de Ribadeo.
Neste novo curso “tomáronse todas as medidas hixiénico-sanitarias precisas dotando do material necesario todas as instalacións e elaboráronse os plans de adaptación e continxencia para ter un centro seguro”, salienta García Presno. Así mesmo, o centro comeza o curso coa vontade de estar presente na vida comunitaria e asociativa de Ribadeo na medida do posible: “neste curso seguramente sigamos sen poder realizar algunhas das actividades que habitualmente faciamos, pero buscaremos outras opcións que nos permitan mostrar o traballo do alumnado e profesorado ao longo do ano e dar visibilidade ao centro”.
O responsable da EMMeD de Ribadeo, amosa a súa satisfacción “porque o número de persoas matriculadas sexa moi elevado a pesar da incerteza que supón a situación actual, o que demostra que o traballo que facemos dende a Escola se está percibindo como positivo”.
García Presno destaca que “tanto o proxecto educativo do centro, unha combinación de ensino teórico con moitas actividades prácticas, coma o cadro docente son as claves para entender o crecemento constante da Escola dende o mesmo momento da súa fundación da man de Hernán Naval”.
Hugo García quixo mostrar o apoio tanto do claustro da Escola como do Concello de Ribadeo: “é clave o apoio institucional, máis se cabe estes cursos tan especiais, para poder tirar adiante o proxecto da Escola e a súa actividade. E tamén é moi importante contar cun corpo de profesores e profesoras que crean no proxecto e que estean comprometidos, como é o caso”.