O Concello de Burela realiza obras de mellora na iluminación do pavillón Vista Alegre. O investimento, procedente de fondos propios, ascende a máis de 14.000 euros. O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, contou que foi unha demanda do Burela FS e que o esforzo realizado é necesario pola imaxe que se ofrece do pobo nas retransmisións deportivas.
O edil salientou que “xa se fixeran actuacións nese eido alí, pero a verdade é que aínda non conseguíamos a calidade lumínica que se necesitaba, sobre todo para as televisións”. Ramiro Fernández sinalou tamén que “ao final é a imaxe do pobo e consideramos necesario facer ese esforzo e intentar mellorar esa iluminación tanto para os equipos profesionais como tamén para todos os usuarios e usuarias do pavillón”.
O concelleiro de Obras explicou que “a obra ten un presuposto de 14.916,84 euros, procedentes de fondos propios municipais. Pensamos que esta semana quedará a obra rematada, xa que os traballos deron comezo hai uns días“. Os traballos de mellora consisten en substituír as lámpadas que había por unhas campás led de 200 vatios. Tamén se aproveitaron estas obras para cambiar cadros e corrixir algún defecto eléctrico das instalacións.