As Rutas de Artesanía organizadas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña continuaron este sábado, en Mondoñedo, despois de empezar o pasado venres na Pontenova.
“Con visitas ao obradoiro de monicreques de Ton Arenas e ao obradoiro de procesado de La Botica del Abuelo ponse en valor o saber facer, o patrimonio inmaterial que constitúen os oficios tradicionais e que son un referente na nosa comarca”, explicou o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto
Cajoto destacou que “promocionar a través do turismo o coñecemento e a tradición dos oficios artesáns é a nosa contribución a que sigan vivos e non se perdan”. O tamén alcalde de Foz sinalou a boa acollida e a satisfacción que trasladas as persoas que participan nas xornadas.
Durante a ruta deste sábado en Mondoñedo puideron descubrir ademais o barrio dos Muíños, un dos máis senlleiros, e coñecer a tradición cunqueiriana a través da audioguía Mondoñedo e Familia, que tamén elaborou a Mancomunidade.
Fran Cajoto engadiu que “a antiga cidade de Mondoñedo ten moito que ofrecer e o traballo de promoción de toda a Mariña unida resulta unha fórmula de éxito, labor que se vai poder potenciar e dar un salto máis que significativo en canto comece a desenvolverse o Plan de Sustentabilidade Turística o vindeiro ano 2022”.