O Concello está a traballar na posta en marcha de hortas ecolóxicas. Desde o equipo de goberno están a conversar con propietarios de fincas para asinar convenios de cesión e así desenvolver este proxecto, segundo deu a coñecer no día de hoxe o alcalde, Alfredo Llano. En breve o Concello sondeará á poboación para coñecer cantas persoas poden estar interesadas en contar con estes hortos.
O rexedor lembrou que “hai uns días asinamos coa Universidade de Santiago un convenio de colaboración en temas moi interesantes con respecto á ecoloxía, á investigación, á información, ao ensino” .
Un dos obxectivos é cumprir co propósito e compromiso de ser un concello polo clima e pola enerxía. Así, Alfredo Llano fai fincapé nas actuacións pensando sempre nese fin co obxectivo de colaborar e participar en algo que cremos que agora mesmo é fundamental.
Llano explicou que “xa teño apalabrado con donos de certas fincas para facer un convenio con eles para ceder durante un tempo os seus espazos para facer hortas ecolóxicas”. Para habilitalas o Concello quere contar con xente de Burela que queira participar neste proxecto.
Llano engadiu que “en pouco tempo habilitaremos a través da páxina web do Concello un sitio onde a xente poida ir anotándose para saber, a través dunha estatística, as persoas que están interesadas para formalizar e ter o máximo de espazo para poder traballar estas hortas ecolóxicas”.
MEDIO AMBIENTE
Concellería de Medio Ambiente e Urbaser seguen con diferentes actuacións enmarcadas na campaña Burela Re Bonita. Nestes intres están a colocar pegatinas nos contedores verdes, unha delas sobre o punto limpo e a outra sobre a recollida dos excrementos dos cans.
A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, sinala que “ambos temas preocupan e polo tanto agardamos concienciar á poboación da importancia de facer un bo uso do punto limpo, chamando previamente antes de baixar os enseres á rúa”
A concelleira burelesa engade que “si facemos as cousas ben o pobo estará mais limpo e bonito e todos poderemos disfrutar diso, pero para conseguilo é necesaria a colaboración de todos os cidadáns. Durante os próximos días seguiremos colocando ditas pegatinas por todo o pobo”.