O alcalde, Alfredo Llano, destaca que a manifestación celebrada onte, mércores, foi unha das máis grandes da historia de Burela e un exemplo de comportamento e solidariedade. “Foi un exemplo clarísimo de comportamento, de dedicación, de respecto e de solidariedade. Houbo unha comprensión absoluta, total e unánime do que representaba facer a folga onte na nosa comarca”.
O rexedor de Burela destaca que “a manifestación foi unha das máis grandes da historia en Burela, foi realmente impresionante ver toda a Avenida de Arcadio Pardiñas ocupada por xente e cunha densidade extraordinaria dado que íamos moi cerca uns doutros”.
Alfredo Llano salientou que “isto reflicte unha cuestión moi importante: a preocupación que temos todos os que vivimos na Mariña, dunha forma solidaria e compartida, porque realmente valorámonos moitísimo máis do que nos valoran a nosoutros fóra pois realmente temos capacidade”.
Llano engadiu que non se p ode consentir que pouco a pouco retiren servizos básicos, como a perda da área sanitaria propia da Mariña, “o que trouxo consigo unha serie de consecuencias que se están notando agora e cara ao futuro aínda van ser peores“. Sinalou tamén a necesidade dunhas boas infraestruturas, tanto a nivel autonómico como estatal. “É certo que non avanzan nin sequera empuxando e co aire a favor. E sen infraestruturas non podemos asentar outras cousas, como industrias. Por tanto é moi necesario poñerse a facer xa as infraestruturas que están pendentes”.
En canto á industria, o alcalde de Burela considera que “o que pasou en Vestas é un desprezo absoluto aos traballadores, ás súas familias e a todos os que vivimos na Mariña”. Para Llano o que acontece en Alcoa con”esa despreocupación, falta de atención e desprezo por parte da empresa, dicindo que se van cando lles dea a gana e aí quedades. Iso non pode ser”.
Polo tanto o rexedor de Burela saca a seguinte conclusión despois da mobilización de onte: “todo o mundo comparte esa preocupación e séntese parte do problema e parte da solución. Esta comarca é unha das máis importantes da provincia de Lugo e de Galicia. Iso é o que reclamamos e onte foi unha lección clara cun pensamento compartido e común porque todos queremos o mesmo”.