As formacións do PSOE e do BNG de Foz instan ao alcalde, o popular Javier Castiñeira, a garantir a seguridade dos maiores do asilo despois do derrubamento de parte do falso teito do comedor, que se produciu días atrás sen danos persoais.
O PSOE considera que, tralo accidente, “non basta con acelerar os trámites para abrir a nova residencia”. Así, os socialistas esixen un “informe urxente do estado do edificio, no que un perito garanta que todas as estancias son habitables ou se é preciso pechar algunha“.
Os socialistas pregúntanse “se o alcalde está, por motivos electoralistas, estirando trámites para facer coincidir a apertura da nova residencia co período electoral”, en lugar de axilizalos.
O grupo municipal socialista de Foz afirma que “nin o padroado nin a entidade que xestiona o asilo xustificaron nin fixeron un mantemento axeitado da instalación logo das distintas subvencións que recibiron de fondos públicos do Concello de Foz“.
O PSOE focego tamén se referiu ao anuncio do Concello de que se faría cargo do mantemento do actual asilo, unha vez se trasladen os residentes ás novas instalacións.
Foi, segundo explicou Castiñeira, a condición posta polo padroado para ceder os terreos nos que o Concello anunciou que construirá un auditorio.
“Cabe cuestionarse se é de recibo que o Concello asuma dito compromiso sen unha valoración previa do custe e á vista do degradado que está o edificio”, expoñen os socialistas.
DEFICIENCIAS EN SERVIZOS
O BNG de Foz, pola súa banda, considera “moi grave” o estado do xeriátrico e afirma que “a incompetencia do PP puxo en risco a saúde dos maiores“.
Os nacionalistas consideran que non se trata dun problema illado senón que “ao derrubamento súmanse deficiencias sufridas polos maiores alí residentes; falta de auga quente, de calefacción, de humidades ou filtracións de auga“.
O grupo municipal do BNG critica que “instalacións que contan con achegas económicas do Concello seguen deteriorándose” e resalta que “non é de recibo que a residencia nova siga pechada”.
PLENO
Así, o BNG levará ao pleno este asunto, cunha esixencia de que se adopten medidas para garantir a seguridade dos usuarios e de que se dean explicacións sobre o acontecido.