O Concello de Foz traballa na actualización do rueiro municipal. Para mañá, venres 26 de novembro, están convocados a unha reunión de traballo os voceiros dos distintos partidos da corporación, xunto con traballadores da empresa redactora e técnicos municipais.
O alcalde, Fran Cajoto, explica as accións que se están levando a cabo para realizar “un traballo moi necesario”, aínda que é consciente das incomodidades que pode causar a veciñas e veciños. “Actualmente no rueiro municipal hai numeración repetida e incongruencias en moitos puntos. Hai problemas co servizo de Correos e moitos máis coas empresas de paquetería e transporte, que cada vez teñen unha maior demanda.
“O máis grave pode resultar nunha situación de emerxencia, xa que as ambulancias están a ter problemas para localizar os domicilios dos avisos”. Na actualidade o Concello só dispón duns planos en papel que segundo o alcalde están desfasados e contan con moitos erros. Estase a traballar para facer unha nova numeración para evitar cambios e que sexa de referencia para as próximas décadas.
O rexedor municipal anuncia que “no proceso contarse coa participación de veciñas e veciños, para revisar posibles erros ou omisións e tamén para a elección de nomes de distintas rúas que actualmente non o teñen“. Para isto realizaranse reunións informativas nas distintas parroquias, deixando copias de planos e dando información a todas as veciñas e veciños para os trámites necesarios unha vez o rueiro estea rematado.
Fran Cajoto indica que “as veciñas e veciños terán voz e voto na elección de nomes para as rúas que están sen el. Queremos un proceso participativo e cando o traballo estea máis avanzado indicaremos a forma en que se levará a cabo. Os nomes das rúas son parte tamén do noso patrimonio”.