A campaña extractiva de centola arrinca este domingo na provincia de Lugo, o que abarca a área entre Estaca de Bares e o río Eo, incluída a ría do Barqueiro. Deste xeito, a frota dedicada á pesca desta especie xa poderá levar as súas capturas ás lonxas o luns. A campaña deste crustáceo na provincia prolongarase ata o inicio da veda do ano 2022, que se fixará a través do correspondente plan de xestión por parte da Consellería do Mar.
Na provincia da Coruña –desde Cabo Corrubedo ata Estaca de Bares– e Pontevedra –de Cabo Corrubedo á Guarda– a extracción comezou o pasado 7 de novembro e durará tamén ata a data que fixe o plan de xestión do próximo exercicio. O mesmo 7 de novembro tamén comezou a campaña do boi en todo o litoral de Galicia, incluída a costa lucense.
A cota máxima de captura tanto do boi como da centola é de 35 quilos por barco e día, á que se engaden 35 quilos ao día por cada tripulante enrolado e a bordo. A Consellería do Mar lembra que poden participar na campaña todas as embarcacións de artes menores e con porto base en Galicia, así como aquelas que, tendo porto base noutras comunidades autónomas, teñan permisos especiais de pesca para faenar nestas augas.