O alcalde, Fernando Suárez, subliña o éxito dos obradoiros de elaboración de queixo que foron impartidos durante tres xornadas na Escola Pedro Murias para un grupo de 50 nenas e de nenos do Ceip Gregorio Sanz co obxectivo de achegalos ao sector primario. A actividade foi organizada polo Concello, que á volta das vacacións de Nadal retomará estes obradoiros aos que se poden anotar os centros de ensino que o desexen.
Fernando Suárez apuntou o notable éxito co que se foron desenvolvendo estes obradoiros que fomos organizados desde o Concello cos colexios e cos aproximadamente 50 nenos e nenas, “que durante estas xornadas estiveron aprendendo, da man dos profesionais que traballan en Pedro Murias, como se fan os queixos”. Para o alcalde esta é unha maneira de achegarse ao sector primario e a procesos que son descoñecidos “pero que deberan ser tan naturais, pero realmente non o son a día de hoxe”.
Fernando Suárez sinalou que “ademais isto danos moita ansia porque sabemos que se foi propagando a idea e outros nenos e nenas tamén queren vir a estes cursos, polo que vamos promover outra serie deles á volta do Nadal“. Desta maneira outros nenos e nenas, tamén poderán aproveitar as instalacións de Pedro Murias.
Suárez lembrou que o Concello de Ribadeo forma parte dun padroado da Fundación Pedro Murias, que está caducado desde hai un tempo, “aínda que desde hai varios anos lle estamos indicando á Consellería de Medio Rural a necesidade de traballar en conxunto para facer moitas cousas que se poden levar a cabo neste centro educativo”.