Ribadeo acollerá o VII Festival de Jazz & Blues entre os días 4 e 11 de decembro. Polo escenario do Auditorio Municipal pasarán Marlango, Austin Slack e Alfredo García Quintet. O evento foi presentado no Concello de Ribadeo.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, sinalou que “nestes tempos tan inseguros por causa da pandemia volvemos dicir que o da cultura é un ámbito que se revelou seguro, pois desde o principio se cumpriron estritamente as medidas vixentes”.
A edil ribadense manifestou tamén que “o cartel deste ano é diverso mais mantén a calidade que se busca sempre cando facemos o deseño cultural dos trimestres”. O auditorio municipal acollerá tres concertos ás 20.00 horas. Como vén sendo habitual nos eventos nos que se prevé unha asistencia importante de público, hai a posibilidade de mercar a entrada de xeito anticipado na plataforma www.gameoverpro.es ou facelo na propia billeteira o mesmo día dos concertos desde as 19.00 horas”.
Otero Cabarcos explicou que “comezamos este sábado, 4 de decembro, con Marlango. O mércores 8 visítanos Austin Slack, que é un músico mozo, británico, que con só 21 anos tocou xa en máis de 1.400 concertos. E finalmente o sábado 11 de decembro teremos o concerto de Alfredo García Quintet. Blue Line é o título do seu segundo proxecto, con Alfredo García como líder da formación”.
A concelleira de Cultura engadiu: “queremos agradecer a todas as entidades e organismos implicados en maior ou menor medida a súa colaboración, tamén á Xunta de Galicia, a través do seu programa Xacobeo 2021-22”.
O acto de presentación do VII Festival de Jazz & Blues de Ribadeo tivo lugar no salón de plenos do Concello o mediodía deste mércores. Ao mesmo acudiron o tenente de alcalde, Pablo Vizoso, a xefa territorial de Cultura da Xunta, Mª José Gómez, a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e Rafael Monteavaro como representante da organización.