O presidente do comité de empresa da factoría de Vestas en Chavín, no municipio de Viveiro, David Mariño, informou de que os sindicatos presentaron demanda de nulidade contra o ERE en Vestas. Así, Mariño explicou que esa nulidade se reclama “en base á mala fe negociadora” que houbo por parte da multinacional “durante todo este proceso”.
Así mesmo, confirmou que se convocou a mesa industrial por parte da Xunta de Galicia para o próximo 9 de decembro en Santiago, á que se convidou á ministra de Industria, Reyes Maroto. “Esperamos, por encima de todo, algunha novidade porque está claro que agora estamos nun momento moi complicado e os traballadores necesitan unha actualización de como están as cousas a día de hoxe”, sostén.
Así, espérase unha “actualización” da situación, polo que se require “ter o nome dalgún interesado que traia unha actividade produtiva para a fábrica de Viveiro”. En canto á presenza de Reyes Maroto, o presidente do comité de empresa de Vestas dubida que se produza, “pero a convocatoria está lanzada e sería moi interesante que se involucrase o Goberno”.
Con todo, lembra que as competencias de industria “son plenas da Xunta de Galicia”. “Non creo que fose estritamente necesaria a presenza da ministra para chegar a bo porto”, matizou. Ademais, quéixase de que, “ultimamente”, o comité está “a ter moi pouco trato coa empresa, apenas o necesario”. “Como traballadores estamos a cumprir co noso traballo”, agrega.