José Luis Llano Murias, asturiano natural do municipio de Boal e afincado actualmente en Navia, é o gañador do certame fotográfico por Gráficas LAR, de Viveiro, para o seu calendario do ano 2022, que xa está editado. Nas anteriores edicións deste concurso o premio, de 300 euros en metálico, foi para fotógrafos de México, Bilbao e Alicante.
O inicio do Calendario LAR remóntase ao ano 2010 cunha variada galería do destacado fotoxornalista galego Xosé Abad. Nas súas primeiras edicións a autoría das fotos do calendario decidíase entre amigos e colaboradores da imprenta Gráficas LAR sen existir un certame. Desta forma participaron fotógrafos profesionais como Xulio Villarino (2011) e Jaime Pola (2017), afeccionados como José López (2012), Eugenio Álvarez (2013) e Dani KXT (2016) e mesmo houbo colaboracións coa asociación de fotógrafos afeccionados Os Negativos, de Viveiro (2014).
Os responsables de Gráficas LAR explican que “no ano 2017 celebrouse por primeira vez o certame fotográfico FOTOLAR, sendo nesta primeira edición dedicado á Natureza e con doce autores diferentes de todo o planeta”. A partir do ano 2018 optouse por un formato monográfico, onde un só fotógrafo debería ser o autor das doce fotos e baixo unha única temática determinada.
A selección das obras é sinxela e imparcial, cinco fotógrafos son elixidos pola dirección de Gráficas LAR para a súa valoración polo “xurado, que está formado polos sete últimos autores do calendario que valorarán as cinco galerías baixo un simple e obxectivo sistema de puntuación, que ditamina o gañador do Concurso FOTOLAR”.
Os organizadores do certame engaden que “nesta última edición a autoría do calendario foise para terras próximas, José Luís Llano Murias, asturiano afincado en Navia e natural de Boal con doce preciosas imaxes de temática macro e enfocadas ao mundo da entomoloxía”. José Luis Llano, que ten 42 anos, é afeccionado á fotografía desde hai máis de 13, cando comprou a súa primeira cámara.
Gráficas LAR anuncia que “o Concurso Calendario FOTOLAR 2023 comezará en marzo de 2022 e xa vos adiantamos a temática, fauna. Sen dúbida ofreceranos un sorprendente calendario co que esperamos adornar moitos fogares e oficinas”.